A Xunta afonda no patrimonio marítimo dos camiños do mar a Santiago co proxecto Traslatio no marco do programa “O teu Xacobeo”
- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse ata o Porto do Freixo para participar na travesía do Joaquín Vieta para recompilar material para este proxecto
- O proxecto Tralatio conta cun orzamento autonómico de preto de 17.000 euros
Outes, 1 de maio de 2021
O histórico balandro Joaquín Vieta percorreu hoxe as rías de Arousa e Muros-Noia no marco do proxecto Traslatio: o patrimonio marítimo dos camiños do mar a Santiago que se está impulsando desde o programa O Teu Xacobeo e que conta cun orzamento autonómico de preto de 17.000 euros.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañou aos impulsores do proxecto nun acto no Porto do Freixo no que destacou a necesidade de coñecer este patrimonio marítimo do litoral galego, “porque o que non se coñece non se pode defender nin promocionar adecuadamente”. “Promover o coñecemento e conservación destes recursos diferenciadores é un fito fundamental para seguir avanzando na creación dun destino cultural, capaz de actuar como foco de atracción e de impulsar a moitos concellos desta zona”, asegurou.
O obxectivo do proxecto é a elaboración dun documento que recolla tanto a información como as conclusións ás que chegue unha equipa que, liderada por un experto en patrimonio marítimo, trata de identificar e analizar todos os vestixios construídos da industria tradicional dos oficios de mar nos concellos de Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Dodro.
O proxecto inclúe ademais outras actividades para a promoción deste patrimonio a través da elaboración dunha peza documental coas imaxes recollidas nesta xornada de traballo de campo así como unha xornada de relatorios arredor deste patrimonio marítimo que podemos atopar no litoral destas rías como serradoiros, muíños, conserveiras, fábricas de salgadura ou carpintarías de ribeira, estas últimas declaradas Ben de Interese Cultural, e das que saíron, entre outras moitos barcos, xoias como o Joaquín Vieta.
Fotografía: El Correo Gallego
Outras novas
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’