A Xunta, en colaboración co sector turístico, avala Galicia como destino seguro para peregrinos e visitantes
- O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, inaugurou na Cidade da Cultura o encontro telemático internacional “Preparados para o Xacobeo 2021-2022. Camiño a Galicia, Camiño seguro”
- O foro reuniu a expertos, asociacións de Amigos do Camiño e comunidades galegas no mundo para debater sobre as medidas adoptadas para a reactivación do turismo e do Xacobeo no contexto da crise sanitaria
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe a webinar Preparados para o Xacobeo 2021-2022. Camiño a Galicia, Camiño seguro, un encontro telemático que reuniu a expertos, asociacións de Amigos do Camiño e comunidades galegas no mundo para debater sobre as medidas adoptadas para a reactivación do turismo e do Xacobeo no contexto da crise sanitaria.
No foro internacional déronse a coñecer as medidas adoptadas pola Xunta neste último ano, tanto para axudar e preparar o sector coa finalidade de garantir a seguridade dos visitantes, como para atraer turistas baixo o lema Galicia, destino seguro. Con ese obxectivo puxéronse en marcha iniciativas como o seguro coronavirus, axudas para a mellora das infraestruturas, cursos de formación para o sector, actuacións nos albergues e inversións nos itinerarios para que os que queiran viaxar con garantías elixan Galicia e o Camiño de Santiago.
O encontro tivo lugar na Cidade da Cultura, cunha parte dos participantes presentes no recinto e outra parte intervindo online para garantir as medidas de seguridade ás que obrigan as circunstancias sanitarias. Logo da proxección do vídeo promocional do Xacobeo, celebráronse mesas redondas e debates sobre as medidas de seguridade no Camiño, o voluntariado e o espírito de acollida no Xacobeo, a hospitalidade tradicional dos mosteiros e a adaptación da programación ás novas circunstancias, entre outros temas.
O vicepresidente primeiro da Xunta destacou durante a súa intervención a importancia de “fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro para aportar un plus de tranquilidade e confianza aos viaxeiros de todo o mundo”. Nesta liña, destacou o traballo da Xunta nestes meses para ter todo listo para recibir a peregrinos e turistas cun destino e un Camiño seguros.
Na webinar participaron expertos, asociacións de Amigos do Camiño e comunidades galegas espalladas por todo o mundo. Nos relatorios interviron, entre outros, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director de Administración e Relación coas Asociacións do Camiño de Santiago da SA Xacobeo, Ildefonso de la Campa. A clausura correu a cargo da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.
Outras novas
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’