Os peregrinos do Camiño Inglés contan cun novo albergue en Ordes que vén sumarse aos 70 establecementos da rede autonómica
- O titular da Xunta destaca que, ademais de dinamizar o Camiño Inglés, a transformación da casa reitoral de Poulo, un edificio con historia e cun elevado valor patrimonial amosa a aposta da Xunta pola rehabilitación
- Feijóo lembra que o número de albergues autonómicos atópase en continuo crecemento de cara ao próximo Ano Santo
- Resalta que o Camiño de Santiago pasa polo seu mellor momento, cunha cifra de peregrinos que crece case un 13% con respecto ao pasado ano, cando se alcanzou o récord con preto de 330.000
- Cun investimento de 15 millóns para o mantemento de todas as rutas xacobeas que pasan por 138 concellos galegos, incide en que o obxectivo é impulsar un Camiño que non só achegue dinamismo á capital galega senón a toda a Comunidade
Ordes (A Coruña), 18 de xuño de 2019
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe o novo albergue de Ordes, unha infraestrutura que, con máis de 40 prazas e un investimento de máis de medio millón de euros, vén sumarse aos 70 establecementos da rede autonómica, contribuíndo deste xeito a preparar Galicia para o Xacobeo 2021.
Durante unha visita as instalacións, Feijóo afirmou que, ademais de dinamizar o Camiño Inglés, a transformación da casa reitoral de Poulo, un edificio con historia e cun elevado valor patrimonial amosa a aposta da Xunta pola rehabilitación ante a nova construción sempre que sexa posible.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego lembrou que o número de albergues autonómicos atópase en continuo crecemento de cara ao próximo Ano Santo. Así, inauguráronse novos establecementos en distintos itinerarios como os de Ourense, A Fonsagrada ou Friol; estase a traballar na posta en marcha dun novo albergue no barrio do Berbés en Vigo, así como na planificación doutro na Vía da Prata; e estase a mellorar o equipamento doutros xa existentes, como os dos albergues de Lalín e Pontevedra.
Feijóo aproveitou o acto para recordar tamén que o Camiño de Santiago pasa polo seu mellor momento, cunha cifra de peregrinos que crece case un 13% con respecto ao pasado ano, cando se alcanzou o récord con preto de 330.000. “O Camiño xa é ademais un fenómeno internacional, cun 66% dos peregrinos procedentes de case 180 nacionalidades e case a metade dos peregrinos chegan por rutas alternativas ao Camiño Francés, destacando o Portugués”, engadiu, resaltando tamén a aposta pola conservación do patrimonio cultural.
Logo de recordar ademais a posta en marcha dun investimento de 15 millóns de euros para o mantemento de todas as rutas xacobeas que pasan por 138 concellos galegos, o titular da Xunta incidiu en que o obxectivo é impulsar un Camiño de Santiago que non só achegue dinamismo á capital galega senón a toda a Comunidade. “Do mesmo xeito que se di que todos os camiños conducen a Roma, ata o próximo Xacobeo 2021 estou seguro de que todos os camiños conducirán a Compostela, que ao mesmo tempo será a cidade de saída para coñecer todos os recunchos de Galicia: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes, o Ferrol da Ilustración e a todas as cidades, vilas, pobos, praias e montes de Galicia”, dixo.
Feijóo concluíu aseverando que Galicia vai no bo camiño para conseguir esta meta, cun balance no primeiro cuadrimestre do ano que así o demostra. Non en van, o turismo na Comunidade crece en cantidade pero, sobre todo, en calidade, con 31.000 viaxeiros máis que o pasado ano.
Así mesmo, Galicia é a segunda comunidade onde máis crece o turismo: un 5% fronte ao 1% da media española, e fóra da temporada estival. A estancia media aumentou preto dun 2%, e os establecementos hoteleiros ingresaron case 62 millóns de euros, un 8% máis que no mesmo período de 2018.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata