Intervención do presidente da Xunta no nomeamento como Embaixador de Honor do Camiño de Santiago da Súa Maxestade el Rei Don Juan Carlos
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2018
Maxestade,
autoridades presentes,
señoras e señores.
Alguén podería pensar que esta distinción da Súa Maxestade o Rei Don Juan Carlos como Embaixador de Honor do Camiño de Santiago, é redundante. En parte é así, porque Don Juan Carlos foi e segue sendo o mellor mensaxeiro da Ruta Xacobea e os seus valores.
Ninguén como el sabe transmitir o que implica esta tradición sempre actualizada que sintetiza os mellores valores de Galicia, España e Europa. Ninguén entende mellor que el que a nosa terra é a proa dunha nave que suca a historia cunha bagaxe de ideas de valor universal.
Don Juan Carlos xa é o noso embaixador. Porén, é oportuno subliñalo no ano que celebramos o XXV aniversario da Declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade, e nun tempo onde o proxecto europeísta sofre un deses vaivéns que sinalizan a súa existencia.
O Camiño é sinónimo de Europa, e Europa é unha paixón permanente do Rei Don Juan Carlos.
Nun discurso afastado no tempo, pero próximo polo seu contido, pronunciado ante o Consello de Europa en 1979, A Súa Maxestade mencionaba a triloxía de valores europeos: humanismo, diversidade e universalidade.
Son valores que seguen plenamente vixentes e que fan de Europa un modelo admirado, pero que tamén suscitan receos nos inimigos da liberdade e o progreso.
Figuras como Don Juan Carlos reflicten na súa biografía o laborioso proceso que culmina na Unión Europea, e a achega do europeísmo ao fortalecemento da democracia española.
‘España es el problema; Europa, la solución’. Estas palabras de José Ortega y Gasset preñadas de clásico pesimismo, serían corrixidas pola transición democrática que tivo en Don Juan Carlos o seu principal valedor, patrocinador, protagonista e embaixador.
España tamén foi a solución, por máis que Europa fose o destino natural da democracia española.
Años despois desa data, A Súa Maxestade el Rey Don Juan Carlos recollía o Premio Carlomagno na mesma cidade onde un alongado avó seu era coroado emperador en 1520.
En Aquisgrán, á sombra do recordo de Carlos I de España e V de Alemaña, poñía de relevo algo que a estas alturas do século XXI pode verse como premonitorio. ‘Las monarquías -sinalaba Don Juan Carlos ante os principais mandatarios europeos- han sido artífices de esos grandes cuerpos que son las naciones, como decía Descartes, el avanzado intelectual de la Europa moderna; y si se mira bien, han refrenado y limitado el espíritu devastador e insolidario del nacionalismo’.
Corría o año de 1982 e só unha década despois estouparía nun dos corazóns de Europa un conflito devastador.
Non existe, por fortuna, nada semellante nos nosos días, e no entanto a insolidariedade fomentada por nacionalismos exacerbados volve poñer en perigo o proxecto europeo e ameazou a propia democracia española.
No caso de España, a monarquía constitucional tan xustamente enxalzada no discurso de Aquisgrán non só reconcilia os españois consigo mesmos, senón que supón un freo democrático ante os dous intentos de golpe anticonstitucional que sufriu a nosa patria.
Juan Carlos I e Felipe VI fanse voceiros, en momentos críticos, dos españois que queremos vivir unha libertad sin ira, por empregar o coñecido retrouso dos primeiros anos de democracia.
Ao recoller o Premio Carlomagno, Don Juan Carlos mencionou a un español e galego que recibira antes o mesmo galardón: Salvador de Madariaga, un liberal que padeceu o exilio e se converteu en pioneiro da reconciliación e o europeísmo.
Posteriormente, como saben vostedes, Felipe González e Javier Solana uniríanse ao elenco de compatriotas distinguidos cun dos honores máis altos de Europa.
Pero antes de deixar Aquisgrán e volver a este antigo hospital construído por orde dos Reis Católicos, quero determe brevemente nunha pasaxe final do discurso europeísta da Súa Maxestade nesa cidade fronteiriza, unha pasaxe que sintetiza o gran logro da nosa transición democrática.
‘Por primera vez en mucho tiempo -cito A Súa Maxestade- creemos que los españoles pueden sentirse, sin restricciones, amigos’. Seguímolo sendo. A pesar dos intentos por reproducir as dúas Españas que angustiaban a Machado.
A pesar de quen se senten incómodos en medio da fraternidade entre os españois e entre as comunidades de España, seguimos sendo amigos.
A inmensa maioría de compatriotas non quere tirar pola borda o que conseguimos entre todos. A veces contra vento e marea, por seguir con símiles mariñeiros que seguramente agradan Á Súa Maxestade, persiste un desexo compartido de estar xuntos e facer cousas xuntos. Un desexo que non se ve alterado polo sempre saudable debate social e político.
Quizais os galegos antes que os demais españois, e os españois antes que o resto dos europeos, aprendemos mellor que ninguén a conciliar unidade e diversidade.
O Camiño de Santiago ensínanos que unidade e diversidade se fortalecen mutuamente. Sen diversidade, a unidade é monotonía. Sen unidade, a diversidade é disgregación.
O Camiño habitúanos a tratar co diferente, a recibilo sen rexeitamento e a aproveitar as súas achegas.
Os galegos somos unha feliz amalgama, perfectamente simbolizada nesa praza onde a espiritualidade, a sabedoría, a política e a hospitalidade se dan a man para recibir o peregrino.
Existen exemplos hoxe en día de intencións que foron boas nos seus inicios, pero que desembocaron en resultados nocivos.
Outras novas
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado