7/mai/2017

Turismo de Galicia mostra en Navarra a importancia do Camiño na vertebración de Europa a través dunha exposición audiovisual

  • A mostra pode visitarse na sala de exposicións Fray Diego da Casa da Cultura de Estella ata o vindeiro 21 de maio
  • Trátase dunha selección de fotografías de Manuel Valcárcel acompaña pola música de Alexandro González a que narran a súa peregrinación a través de Hungría, Austria, a República Checa, Eslovenia, Italia, o norte de España e a Galicia xacobea
  • A exposición reflicte a pluralidade e riqueza dunha Europa vertebrada polos itinerarios a Santiago de Compostela e a importancia do Camiño como primeiro itinerario cultural europeo

Estella (Navarra), 7 de maio de 2017

Turismo de Galicia inaugurou en Estella (Navarra) a exposición audiovisual Memoria de Peregrinación que poderá visitarse na sala de exposicións Fray Diego da Casa da Cultura da cidade ata o vindeiro 21 de maio.

Trátase dunha exposición audiovisual que aglutina as fotografías de Manuel Valcárcel e a música de Alexandro González a través da súa peregrinación por unha das rutas xacobeas de dilatada historia e tradición.

A exposición narra, así, unha viaxe contemporánea realizada co propósito de somerxerse na intimidade duns lugares históricos que forman parte substancial da memoria cultural de toda a Humanidade.

Deste xeito, a mostra reflicte unha particular peregrinación a través de Hungría, Austria, a República Checa, Eslovenia, Italia, o norte de España e a Galicia xacobea na que os dous artistas galegos fan especial fincapé na tradición cultural e na sensibilidade relixiosa que impregnan os lugares e os camiños, así como a vida dos pobos e cidades próximas aos itinerarios de peregrinación.

Unha exposición que mostra a pluralidade e riqueza dunha Europa vertebrada polos itinerarios a Santiago de Compostela e a importancia do Camiño como primeiro itinerario cultural europeo.

A mostra peregrinou dende en 2010 e 2011 polas cidades europeas de Sofía (Bulgaria), Bucarest (Romanía), Zagreb (Croacia), Santiago de Compostela, continuando en 2012 o seu periplo por Francia, Australia e Nova Zelanda. Así mesmo, en 2013 viaxou a Alemaña, a República Checa e Singapur e a varias cidades españolas como León, Burgos ou Palencia.