15/mar/2017

Nava Castro visita as instalacións dun albergue no Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo

  • O ano pasado, máis de 12.000 peregrinos elixiron esta ruta e, no que vai de ano, está a ser o terceiro itinerario máis transitado, con preto de 200 peregrinos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, visitaron hoxe as instalacións de Casa da Chanca, un albergue que dá servizo aos peregrinos que realicen o Camiño Primitivo ao seu paso pola cidade de Lugo.

Acompañados polos responsables do establecemento, Nava Castro e José Manuel Balseiro, visitaron as estancias deste albergue, unha antiga casa recentemente rehabilitada que ofrece aloxamento ao pé do Camiño Primitivo, no barrio lucense de A Chanca, e a moi poucos metros do centro da cidade.

Situándose como a terceira ruta máis transitada

Esta infraestrutura está situada na Ruta Xacobea que une Oviedo coa capital de Galicia e que foi declarada recentemente patrimonio da humanidade pola Unesco, xunto co Camiño do Norte.

O Camiño Primitivo foi, o ano pasado, un dos itinerarios xacobeos máis transitados, sumando un total de 12.089 peregrinos, o que supuxo un 4,35% do total. No que vai de ano estase a situar como a terceira ruta en número de peregrinos, despois do Camiño Francés e o Portugués, e sendo preto de 200 os peregrinos que a escolleron no que vai de ano.