6/xan/2017

O Xacobeo asinou un total de 21 convenios de colaboración con asociacións de amigos do Camiño no 2016

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo asinou no pasado ano 2016 un total de 21 convenios de colaboración con asociacións de amigos do Camiño de Santiago e entidades que estudan aspectos relacionados co mesmo para desenvolver iniciativas de posta en valor da Ruta Xacobea.

Grazas a estas axudar foi posible a realización de xornadas e coloquios, a edición e publicación de revistas e material informativo así como a celebración de numerosas exposicións sobre o Camiño de Santiago e o desenvolvemento doutras actividades vinculadas á valorización da Ruta Xacobea.

O obxectivo de Turismo de Galicia é fomentar, con todas estas actuacións, todas aquelas actividades dirixidas a divulgar e estudar aspectos relacionados co Camiño de Santiago e co fenómeno xacobeo.

Piar fundamental

As asociacións de amigos do Camiño de Santiago encóntrase espalladas polos cinco continentes con máis de 300 colectivos.

En todas as partes do mundo podemos encontrar dende importantes asociacións como a de Holanda, con máis de 12.000 asociados, o American Pilgrims, con 34 capítulos espallados polos Estados Unidos, ata numerosas asociacións en Alemaña, Francia ou España de carácter máis local pero que testemuñan a vitalidade deste movemento asociativo.

Así, estas asociacións constitúen un dos axentes que contribúe máis positivamente á difusión do Camiño e a súa promoción internacional.

Ademais, realizan unha importante labor de información, de entrega de credencias, de sinalización, de actividades, congresos e publicacións, conformando un dos piares básicos no impulso da peregrinación a Santiago de Compostela.