O xerente do Xacobeo participa no I Encontro Internacional sobre o Patrimonio dos Camiños de Santiago
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participa hoxe no I Encontro Internacional sobre o Patrimonio dos Camiños de Santiago que se celebra na histórica vila asturiana de Grao, situada no Camiño Primitivo.
O evento está organizado pola F.I.C.S. (Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago), que preside a italiana Carmen Pugliese, e contará coa participación, entre outras autoridades, dun representante de Icomos, organismo de defensa do Patrimonio pertencente á Unesco.
Así mesmo, acudirán ao encontro expertos e representantes das asociacións de peregrinos de Francia, Portugal, Bélxica, Brasil, Estados Unidos, Italia e España así como hospitaleiros do Camiño, xa que un dos alicerces do encontro será a defensa da hospitalidade tradicional do Camiño de Santiago como patrimonio inmaterial inherente á peregrinación en toda época.
O obxectivo do foro é reflexionar e poñer de manifesto posibles agresións ao patrimonio e aos trazados dos Camiños de Santiago. Ademais, as xornadas acollerán a presentación da primeira aplicación online en tempo real para a denuncia das agresións patrimoniais e incidencias no trazado da Ruta Xacobea. Con este instrumento dixital os propios peregrinos poden enviar as súas informacións, datos e fotos de todas as irregularidades que atopen no seu camiño relacionadas coa alteración da sinalización, a construción ilegalmente ao bordo do Camiño ou a falta de respecto no que se refire a contorna natural e ecolóxica.
No panel de conferencias durante estas xornadas cóntase con personalidades como Maria Josefa Sanz Fontes, catedrática de Ciencia e Técnicas Historiográficas da Universidade de Oviedo, Miguel Ángel Cajigal, historiador pola Universidade de Santiago e membro dos equipos delimitadores dos Camiños Norte, Inverno e Portugués, e o profesor universitario lucense Ricardo G. Polin, pioneiro na investigación do Camiño Primitivo en Galicia.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés