‘Un caderno no Camiño’ continúa dando a coñecer o Camiño de Santiago aos alumnos de primaria dos municipios xacobeos
O Colexio de Educación Infantil e Primaria O Coto, en Negreira, acolleu hoxe a iniciativa Un caderno no Camiño, un proxecto promovido por Turismo de Galicia que ten como obxectivo que os máis pequenos descubran o Camiño de Santiago e a peregrinación, así como a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.
Así, deron a coñecer aos alumnos de primeiro ciclo de primaria deste municipio, polo que transcorre a Ruta Fisterra-Muxía, a Ruta Xacobea a través da historia de Sophie, unha nena francesa que nas vacacións de verán emprende a peregrinación a Compostela acompañada do seu avó galego.
A acción inclúe unha publicación dixital interactiva, Sophie no Camiño e dous cadernos de actividades, un para os alumnos e outro para os docentes.
O libro interactivo conta a historia de Sophie e as vivencias que experimenta no verán no que realiza o Camiño Francés a Santiago acompañada do seu avó. Así mesmo, describe aspectos da historia, costumes, gastronomía e patrimonio que rodean á Ruta Xacobea. A publicación contén as aventuras literarias das personaxes e está enriquecida con fotografías, debuxos, mapas e hipervínculos para acceder a información adicional.
O caderno de actividades dirixido aos alumnos amplía os contidos do libro con documentación sobre recursos culturais, artísticos, patrimoniais, gastronómicos e naturais dos lugares polos que pasan os peregrinos na realización do Camiño. Pola súa parte, o caderno para docentes propón diferentes traballos para realizar cos alumnos na aula.
Municipios xacobeos
A actividade desenvolveuse xa en escolas de dez municipios galegos polos que transcorren diferentes itinerarios da Ruta Xacobea, concretamente nos concellos de Boimorto, Barreiros e Abadín, en canto ao Camiño do Norte; en Guntín e Baleira, no Camiño Primitivo; en Arzúa, no Camiño Francés; Toques, no Camiño Primitivo; Mesía, no Camiño Inglés; e en Portas, no Camiño Portugués.
Neste mes visitará, así mesmo, os municipios de Friol, no Camiño Primitivo; Guitiriz, Begonte e Mondoñedo, no Camiño do Norte; e Laza, na Vía da Prata, entre outros.
En total serán vinte municipios galegos polos que transcorren as Rutas Xacobeas na nosa comunidade os que participarán nesta iniciativa de Turismo de Galicia.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata