A Xunta destina catro millóns de euros a axudas para rehabilitación de vivendas no medio rural, en conxuntos históricos e nos camiños de Santiago
A Xunta de Galicia destinará este ano catro millóns de euros a axudas de rehabilitación de vivendas no medio rural, en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago, segundo establece a resolución de convocatoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.
Dos catro millóns de euros previstos, 3,5 serán destinados a axudas para a rehabilitación de vivendas no ámbito rural.
Outros 500.000 euros serán destinados a actuacións en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago. Estas axudas súmanse aos 3,2 millóns de euros tamén destinados este ano á rehabilitación de vivendas na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago, que comprende 107 concellos das catro provincias galegas. Así mesmo, os convenios asinados en outubro de 2015 para o financiamento das Áreas de Rehabilitación Integral incluían axudas por importe de preto de 9,5 millóns de euros, que serán executadas ao longo de 2016. Cabe salientar que a maior parte das ARI galegas corresponden con conxuntos históricos de vilas e cidades.
Por outra parte, tamén están convocadas (DOG do 4 de abril de 2016) as axudas de rehabilitación edificatoria, por importe de 2.734.497 euros.
Ao abeiro da resolución publicada hoxe serán subvencionables as actuacións de remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago que conten coa resolución de cualificación definitiva de data anterior ao 18 de maio de 2014 para o ámbito rural e 1 de xaneiro de 2013 para o ámbito histórico e Camiños de Santiago.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións indicadas. Tamén poderán beneficiarse os que estando en posesión da cédula de rehabilitación de calidade, non solicitasen a subvención nos catro anos inmediatamente anteriores á data en que presenten a súa solicitude de subvención ou que, téndoa presentado nese período, rematase o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.
As vivendas que se beneficien destas axudas serán destinadas a residencia habitual e permanente dos beneficiarios. No caso de seren vivendas destinadas ao alugueiro, deberán ter vixente o contrato de alugamento.
A subvención será do 50 por 100 do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que esta subvención poida superar a cantidade de 6.600 euros no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación; cando se trate da reconstrución de edificios e vivendas a cantidade máxima da axuda será de 8.600 euros.
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes.
Outras axudas
Ademais das axudas de rehabilitación incluídas na resolución publicada hoxe e os programa xa en vigor, en 2016 está previsto destinar 1,4 millóns de euros a axudas destinadas á obtención do certificado de avaliación enerxética, axudas a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para a súa rehabilitación e a axudas aos concellos para a rehabilitación de vivendas en materia de eficiencia enerxética.
A convocatoria destas axudas realizarase proximamente a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata