O Camiño Primitivo contará cun nuevo albergue de peregrinos na Fonsagrada
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron as obras de rehabilitación que se están a realizar na Casa do Pasarín, na Fonsagrada, para a súa conversión en centro de atención e albergue de peregrinos.
Trátase dunha das iniciativas anunciadas polo presidente da Xunta de Galicia tras a declaración como Patrimonio Mundial da Unesco dos Camiños do Norte e que constitúe unha aposta máis de Turismo de Galicia a prol da mellora da rede de albergues públicos do Camiño de Santiago.
A Casa do Pasarín sitúase en plena zona vella da Fonsagrada, no propio Camiño Primitivo que conduce a Santiago de Compostela. Tamén coñecida como Pazo de Pena María, esta edificación forma parte do patrimonio cultural da vila.
Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia sinalou que grazas a esta intervención, que leva consigo un investimento de preto de 530.000 euros, se cumprirá un triplo obxectivo: preservar e recuperar o patrimonio, darlles solución ás necesidades dos peregrinos ao seu paso pola Fonsagrada e contribuír a dinamizar a economía da vila.
Na actualidade a Rede Pública de Albergues suma un total de setenta albergues que a día de hoxe ofrecen ao redor de 3.280 prazas ao longo das rutas do Camiño de Santiago. Concretamente no Camiño Primitivo sitúanse seis destes albergues da rede pública.