7/out/2013

Turismo de Galicia presentou o logotipo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela

En 2014 conmemórase a peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. Hoxe, no día de San Francisco, Turismo de Galicia presentou o logotipo que acompañará o material promocional, gráfico e audiovisual deseñado para a conmemoración do oitavo centenario.

O artista creador da imaxe logotipo do Oitavo Centenario Antón Lamazares estudou no convento franciscano de Herbón. Lamazares estudou o universo de San Francisco e dedicoulle a súa serie Follente Bemil. Durante a presentación da imaxe-logotipo, Lamazares explicou que o logotipo simboliza unha homenaxe ás culturas de Europa. “A arte ten que vir ao corazón a través da intelixencia”, apuntou. E apuntou que “agarda que este Oitavo Centenario sexa un paso máis na construción da paz e de Europa”.

A programación do VIII Centenario de San Francisco de Asís comezou o día 22 de agosto coa inauguración da exposición Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago, no palacio Bonacquisti de Asís.

Pero ademais, os actos conmemorativos inclúen outras actuacións como unha peregrinación colectiva dende Asís a Santiago e numerosos congresos, eventos musicais e culturais, así como encontros vinculados coa temática xacobea. O Primeiro Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo ou o gran Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas son algunhas das citas relevantes deste período en Santiago de Compostela.