O Camiño do Sueste - Vía da Prata contará a partir do 4 de xullo cun novo albergue de peregrinos en Bandeira
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo informa que, mañá día 4 de xullo de 2013, ábrese ao público un novo albergue de peregrinos situado na localidade de Bandeira, Concello de Silleda (Pontevedra).
Con este novo establecemento, os peregrinos que fagan o Camiño do Sueste - Vía da Prata contarán con doce albergues no tramo galego desta ruta de peregrinación.
O albergue está situado na rúa Lourdás, conta con 36 prazas e pon a disposición do peregrino todos os servizos habituais nos establecementos da Rede de Albergues da Xunta de Galicia.
Con motivo da inauguración do novo albergue de Bandeira, e debido á proximidade entre ambos establecementos, a partir de mañá deixa de funcionar o refuxio para peregrinos situado no Cámping Medelo, Concello de Silleda.