O Xacobeo acomete obras de mantemento e reparación no Albergue de Tui, no Camiño Portugués
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia ven de comezar as obras de mantemento e reparación no albergue de Tui, pertencente á Rede de Albergues Públicos para peregrinos.
As obras consisten basicamente no tratamento dos paramentos interiores e exteriores, a substitución ou reparación das carpinterías de madeira, a limpeza do muro e a revisión das instalacións e cubertas. En total o orzamento destinado polo Xacobeo ás mesmas ascende a 45.018,68 euros e os traballos teñen como data de finalización o vindeiro día 28 de outubro.
O albergue público de peregrinos de Tui ten corenta prazas do total das 495 prazas públicas en albergues do Xacobeo con que conta o Camiño Portugués. Está situado na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, na antiga casa reitoral situada entre a Capela da Misericordia e a Igrexa de San Telmo, e funciona como albergue dende o ano 1999, tras unha restauración deste inmoble.