18/nov/2011

O pianista cubano Jorge Luis Prats inaugurará o XXV Concurso de Piano de Ferrol cunha homenaxe ao compositor húngaro Franz Liszt

O Teatro Jofre de Ferrol acollerá mañá 19 de novembro un dos concertos máis agardados do Galicia Classics, ciclo promovido pola Xunta de Galicia na conmemoración do Ano da Música 2011.

O cubano Jorge Luis Prats, aclamado como un dos máis importantes pianistas da actualidade, logo das súas últimas actuacións na Salle Pleyel parisiense, inaugurará unha nova edición do Concurso de Piano Cidade de Ferrol. Este recital renderá tributo a Liszt, no 200 aniversario do músico húngaro, a través dun repertorio de obras para piano de Schumann, Busoni, Bizet e o propio Liszt.

Jorge Luis Prats é un reputado pianista, cunha sólida formación en centros coma o Conservatorio  Tchaikovsky de Moscova, o Hochshüle für Müsik und Künstler de Viena, ou o Conservatorio de París. Os seus concertos levárono por todo o mundo, cun repertorio para piano que inclúe obras de Mozart, Beethoven, Brahms, Rachmaninoff, Ravel, Tchaikovsky, Debussy, Chopin... Ademais, gravou para selos  de renome internacional, coma Pathé Marconi (EMI), Deutsche Gramophone (Alemaña), ASV e IMP (Reino Unido), ou Musical Heritage (EUA).