22/out/2026

López Campos erixe o Camiño de Santiago como crisol das culturas do mundo e panca internacional do patrimonio e identidade de Galicia

  • O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na apertura do Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, acompañado polo comisario do Xacobeo 2027
  • O representante da Xunta augura un “efecto multiplicador” do intercambio cultural valores e da proxección dos bens e valores da Comunidade co próximo Ano Santo
  • Agradece a contribución “incuestionable” das asociacións xacobeas do éxito no número participantes nas diferentes rutas e na consideración e respecto acadados

Mérida (Estremadura), 22 de outubro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe o Camiño de Santiago como “crisol das culturas do mundo”, ao tempo que o enxalzou a súa capacidade como “panca internacional do impresionante patrimonio e identidade singular que posúe Galicia”. Fíxoo durante a súa participación na apertura do Congreso de Asociacións Xacobeas, que deu comezo na cidade estremeña de Mérida, e na que estivo acompañado polo comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román.

Precisamente, o representante do Goberno galego salientou que a inminente celebración do Ano Santo “vai supor un efecto multiplicador da irmandade e intercambios culturais que se producen nas diferentes rutas xacobeas”. Ademais, fixo fincapé no feito de que “potenciará aínda máis a difusión por todo o mundo dos valores e bens culturais e patrimoniais que posúe Galicia”.

Neste senso, gabou a contribución do amplo número de asociacións xacobeas existentes, “que non só acompañan na experiencia única que supón o coñecemento e a vivencia do Camiño, senón que ademais guían a visitantes e camiñantes, dando lugar a que estas rutas sexan tan admiradas como coidadas e proxectadas”.´

Contribución no número de participantes e na protección e aprecio

 “A historia de Galicia non pode entenderse sen a influencia chegada de todas partes do mundo a través do Camiño de Santiago”, sinalou o responsable de Cultura da Xunta de Galicia, quen considerou “incuestionable” a contribución das entidades implicadas “no éxito do fenómeno do Xacobeo, cuantificable en número, pero tamén no afecto e consideración, aprecio, respecto e protección que recibe”. “Grazas ao voso traballo os itinerarios de peregrinación adquiriron un carácter máis universal, aberto e dialogante”, engadiu.

Finalmente, López Campos aproveitou as xornadas para remarcar o “firme compromiso” do Executivo autonómico co valioso legado patrimonial que atesouran as diferentes rutas xacobeas, facendo fincapé nas medidas e partidas para súa total protección por parte do Goberno galego. Neste obxectivo, tal e como explicou, unha das principais liñas de traballo é a salvagarda de monumentos, grandes templos e igrexas vencelladas ao Camiño de Santiago.