A Xunta impulsa a cooperación europea entre o Camiño de Santiago e o noruego de San Olav para reforzar o turismo sostible e cultural
- Xosé Merelles asinou un memorando de colaboración entre a Federación Europea do Camiño de Santiago e a Asociación para a Ruta Cultural dos Camiños de San Olav
- As dúas entidades dan cumprimento ao programa de Rutas Culturais do Consello de Europa que pon en valor o patrimonio compartido dos distintas rutas e culturas europeas
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño do Plan Xacobeo, e nome da Federación Europea do Camiño de Santiago, asinaron un memorando de colaboración co presidente de Asociación para a Ruta Cultural dos Camiños de San Olav (ACSOW), Hans Morten, co obxectivo de fortalecer a cooperación entre ambas rutas culturais europeas, impulsando o turismo sostible, a peregrinación e a posta en valor do patrimonio cultural común.
O acordo foi subscrito no Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, e contou coa asistencia da reitora, Rosa Crujeiras. Ambas entidades forman parte do programa de Rutas Culturais do Consello de Europa, iniciativa creada en 1987 para poñer en valor o patrimonio compartido dos distintos países e culturas europeas. O Camiño de Santiago foi a primeira ruta en recibir esta certificación, mentres que o Camiño de San Olav obtivo este recoñecemento en 2010 como unha rede transnacional de peregrinación que percorre os países nórdicos ata a catedral de Nidaros, en Trondheim.
O director de Turismo de Galicia destacou que “con un legado espiritual e monumental de mil douscentos anos de evolución, a ruta compostelá, composta por unha rede de camiños de peregrinación que penetra en todos os recunchos do Vello Mundo, defínese como o noso máis sólido vínculo de unión con todos os pobos que habitan o solar europeo”.
Neste sentido, engadiu que “estes trazos propios e distintivos da personalidade de Galicia e dos camiños xacobeos non son exclusivos da cultura do noroeste hispano, senón que os compartimos co resto de Europa”.
Promoción do turismo, da peregrinación e do sendeirismo
O memorando establece un marco de colaboración centrado en ámbitos como a promoción do turismo, as peregrinacións e o sendeirismo, o impulso do patrimonio cultural, a sustentabilidade, así como o desenvolvemento de prácticas artísticas e iniciativas dirixidas á mocidade.
Entre as accións previstas inclúense a participación conxunta en proxectos europeos, o intercambio de coñecemento e boas prácticas, a cooperación en materia de comunicación e promoción, así como o fortalecemento das relacións entre entidades e territorios vinculados a ambas rutas.
O director de Turismo de Galicia subliñou ademais que “este surco xacobeo, que desde a Idade Media ata a actualidade se fortalece coa pegada indeleble dos valores humanos universais que representa, continúa hoxe, con este acordo cos Camiños de San Olav, a súa vocación de servir de nexo de unión, eixo harmonizador e foco de concordia”.
Así mesmo, incidiu en que “o desenvolvemento de accións comúns que conduzan a un maior coñecemento e aprecio destes dous itinerarios culturais do Consello de Europa, cunha promoción especialmente dirixida á mocidade, será positivo para os territorios implicados, para os peregrinos e para as cidades de destino, como Trondheim e Santiago de Compostela”.
A Federación Europea do Camiño de Santiago, fundada en 2011 por iniciativa do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, agrupa administracións e asociacións dos territorios polos que discorre esta histórica ruta, co obxectivo de promover a súa conservación e difusión, así como o desenvolvemento cultural e turístico das rexións que atravesa.
Pola súa banda, ACSOW traballa na xestión e promoción do Camiño de San Olav, unha rede de máis de 2.000 quilómetros de itinerarios sinalizados que atravesan paisaxes naturais e enclaves históricos do norte de Europa.