A Xunta impulsa o Camiño Inglés en Reino Unido cunha nova mouteira en Southampton que se suma ás outras tres instaladas neste país
- Ata o momento xa se entregaron máis de 2.100 compostelas a peregrinos británicos, rexistrando un incremento de peregrinos deste país do 22%
- Máis de 14.600 peregrinos británicos fixeron calquera dos Camiños de Santiago en 2025
Southampton (Reino Unido), 27 de abril de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa, inaugurou este luns en Southampton unha nova mouteira do Camiño Inglés, nun acto institucional que reforza a sinalización do Camiño de Santiago en Reino Unido.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou que no que vai de ano, xa recolleron a Compostela máis de 2.100 peregrinos británicos, o que se traduce nun crecemento do 22%. En total, recolléronse máis de 65.200 Compostelas, un 12% máis que no mesmo período de 2025.
Precisamente, o pasado ano percorreron as distintas rutas xacobeas máis de 14.600 peregrinos británicos, isto é un 8% máis que o ano anterior. Reino Unido foi o quinto mercado en maior número de camiñantes con orixe nese país.
A xornada deu comezo no Bargate, antiga porta medieval da cidade, para continuar co acto central xunto á Igrexa de Holyrood, onde se instalou a mouteira. Deste xeito, Southampton conta desde hoxe con este indicador que se suma aos tamén en territorio británico en Finchale, Reading e Winchester, “todos eles sinalan a traza deste Camiño Inglés desde o norte de Inglaterra ata os portos do Sur”, destacou Xosé Merelles.
Durante a inauguración da mouteira, en cuxa instalación tamén participou a Deputación Provincial de A Coruña, Xosé Merelles suliñou, “estas accións permiten recuperar a memoria histórica das rutas marítimas que conectaban o Reino Unido con Galicia, ademais de contribuír a posicionar Galicia como un destino de referencia na peregrinación a nivel europeo, especialmente de cara ao Xacobeo 2027”.
O director de Turismo incidiu tamén na importancia do mercado británico, asegurando que “o Reino Unido é un socio estratéxico para Galicia, non só polo volume de visitantes, senón tamén pola súa vinculación histórica co fenómeno xacobeo”. Tamén engadiu que “as accións de promoción no territorio británico permiten estreitar lazos coas asociacións e co público potencial peregrino”.
Durante a xornada tamén organizáronse visitas a varios espazos patrimoniais da cidade para dar a coñecer a historia local vinculada á peregrinación. A xornada concluíu coa visita á igrexa de St. Julien, enclave que simboliza o peche do camiño en Southampton.
Esta actuación enmárcase no plan de promoción de Turismo de Galicia na súa estratexia de reforzar a presenza internacional de Galicia e consolidar Reino Unido como un dos principais mercados emisores, que en 2025 rexistrou un incremento de visitantes a Galicia do 14,6%.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata