A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
Lugo, 10 de abril de 2026
A Xunta colabora coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo na organización do XVIII Encontro de Corais ‘Camiño de Santiago’, que se celebrará o sábado 18 de abril na igrexa lucense de Santiago a Nova.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, e o presidente do colectivo organizador, Ángel Trabada, presentaron hoxe o concerto na Delegación Territorial. A actuación comezará ás 20,30 horas e contará coa participación da Coral da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago e do Orfeón de Mieres del Camín, o coro máis antigo de Asturias e un dos máis veteranos de España.
Arias referiuse á importancia deste tipo de iniciativas para “poñer en valor a tradición da música coral” e destacou o papel do Camiño de Santiago como “elemento vertebrador de actividades culturais que fomentan o encontro e o intercambio entre territorios”.
Con este evento, os organizadores queren tamén render homenaxe á figura de Antonio Fernández Piñeiro, ‘Tonecho’, vicepresidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo, recentemente falecido, que foi integrante da coral da entidade e responsable da súa actividade durante anos.