8/mar/2026

A Xunta avanzará esta semana con Francia e Portugal na posta en práctica da valorización turística e cultural dos Camiños de Santiago

  • Entre os asuntos a tratar figuran a evolución socioeconómica dos Camiños de Santiago, a accesibilidade no Camiño Francés e o desenvolvemento de ferramentas de dixitalización e promoción das rutas xacobeas

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participará o vindeiro mércores 11 de marzo, na reunión de seguimento do proxecto europeo Ultreia Sudoe na que participarán os socios da iniciativa de España, Francia e Portugal. Durante a mesma, que terá lugar no albergue Casa Forte de Lusío, pertencente á Rede Pública de Albergues do Xacobeo, analizarase o estado actual de desenvolvemento do proxecto así como a súa planificación para este 2026.

Así, entre outros aspectos abordados nesta iniciativa europea está a análise da evolución socioeconómica dos Camiños de Santiago, así como da accesibilidade e inclusividade no Camiño Francés. Precisamente, estes días, un grupo de expertos realizará as visitas de campo ao treito desta ruta entre O Cebreiro e Sarria, analizando a accesibilidade do camiño ao seu paso por Samos, Triacastela e Pedrafita.

O proxecto Ultreia Sudoe continúa o seu percorrido en Galicia despois de desenvolvérense reunións de coordinación en Francia, Portugal e España, concretamente, en Cantabria.  A iniciativa entra agora na posta en práctica de proxectos piloto que porán en valor os recursos turísticos, patrimoniais e culturais vinculados ás rutas xacobeas. Un deles son as ‘Paradas do Camiño’, espazos físicos destinados á difusión dos atractivos locais, incluíndo patrimonio, produtos artesáns e oferta agroalimentaria. Estes puntos implantaranse inicialmente en cinco localidades repartidas entre os tres países participantes e en Galicia, estará ubicado no Cebreiro.

Outro dos eixos abordados foi o proceso de dixitalización dos itinerarios xacobeos. Neste sentido, Galicia conta xa con sistema de conteo a través de sensores instalados en distintos puntos do Camiño Francés.

No encontro participarán representantes de Turismo de Galicia, concretamente, da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, xunto con membros da Fundación Camino Lebaniego, da Asociación de Municipios do Camiño Francés, da Asociación Amica, da Fundación Santa María la Real, do Município de Vila Pouca de Aguiar, da Universidade NOVA de Lisboa e da Agence française des chemins de Compostelle.

O proxecto ULTREIA SUDOE, iniciado en 2024, prolongarase ata finais deste 2026 coa vista posta no Xacobeo 2027. O obxectivo é contribuír á dinamización turística do interior ao tempo que se apoia o desenvolvemento dos territorios rurais polos que discorren estas rutas. A iniciativa conta cun orzamento total de 1.407.300 euros, financiado nun 75 % polo programa europeo Interreg SUDOE.