9/feb/2026

A Xunta concede o Premio Elías Valiña 2025 á Confranternidade Saint James de Croacia por promover os valores do Camiño no país balcánico

  • O galardón, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dotado con 15.000€ e distingue o labor de protección e difusión deste patrimonio
  • A convocatoria recoñece unha mención especial para Laima Liucija Andrikienè polo seu traballo a prol das Rutas Xacobeas no Parlamento Europeo

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia acaba de conceder o XXVI Premio Elías Valiña á Confraternidade Saint James de Croacia por promover os valores do Camiño neste país balcánico, no que foron precursores en 2019 cun proxecto de revitalización das rutas de peregrinación medievais ata Santiago de Compostela. Así se recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia, que publica a entidade galardoada e tamén o recoñecemento, cunha mención especial, a Laima Liucija Andrikienè polo seu traballo a prol das Rutas Xacobeas como eurodeputada no Parlamento Europeo.

O galardón, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dotado con 15.000 euros e diríxese a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan entre os seus fins a protección e fomento da Ruta Xacobea. No caso da Confraternidade Saint James, débese salientar que foi a precursora do Camiño Croacia, un proxecto de revitalización das rutas de peregrinación medievais desde este país a Santiago de Compostela. Na actualidade, contan xa con máis de 2.387 quilómetros sinalizados desta vía e está comprometida co desenvolvemento e promoción do Camiño de

Santiago en toda Europa.

Pola súa banda, Laima Liucija Andrikienè obtivo unha mención especial por se recoñecida como un das fundadoras do Camiño de Santiago en Lituania que, neste intre, inclúe catro rutas de peregrinación recoñecidas internacionalmente, na que foi decisivo o seu papel de impulso, sobre todo ante a Cámara europea.

Galardóns da anterior edición

O Premio Elías Valiña celebra este ano a súa vixésimo sexta edición en recoñecemento a distintas entidades que traballan a favor do Camiño de Santiago. Cómpre lembrar que o ano pasado os recoñecementos foron para a Asociación Bretona dos Amigos de Santiago Compostelle Bretagne, á que se lle distinguiu polo “seu volume de traballos e actuacións e intervencións neste eido” e tamén para a Fundación San Antón “pola súa hospitalidade, que evoca á tradición e na que se valora as esencias xacobeas de austeridade e solidariedade”.

Ademais, tamén se decidiu outorgar dúas mencións especiais ao mestres Mario Clavell e Paulo Sá Machado, recoñecéndolles deste xeito a súa contribución ao fomento dos valores do Camiño.