13/xul/2025

O 061 de Galicia e a Orde de Malta melloran a asistencia sanitaria a peregrinos e visitantes na Catedral de Santiago

  • O dispositivo sanitario do 061 permanecerá entre as 09,30 e as 14,30 horas na Oficina de Atención ao Peregrino, desprazándose ás 12,00 ata a Catedral de Santiago durante a  Misa do Peregrino
  • No verán de 2024 foron atendidas 133 persoas, o que supuxo unha media de cinco asistencias diarias

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2025

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Orde dos Cabaleiros de Malta colaborarán desde hoxe para mellorar a prestación de asistencia sanitaria aos peregrinos que se acheguen á Oficina de Atención ao Peregrino e ata a Catedral de Santiago de Compostela durante a Misa do Peregrino.

A colaboración realízase en prol dun acordo que permitirá que este dispositivo sanitario se manteña operativo ao longo de cinco semanas, desde este domingo ata o próximo 17 de agosto, período no que se estima que o incremento de turistas e peregrinos sexa maior.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como vén facendo durante os últimos anos,  dispón do material humano -persoal de enfermería-, e funxible necesario para a atención sanitaria a peregrinos e as persoas que se atopen na Catedral de Santiago durante a misa das 12,00 horas.

O equipo sanitario permanecerá entre as 09,30 e as 14,30 horas na Oficina de Atención ao Peregrino, situada na rúa Carretas, desprazándose ás 12,00 ata a Catedral de Santiago durante a Misa do Peregrino.

Actividade verán 2024

Durante o período estival de 2024, comprendido entre 14 de xullo e o 18 de agosto, do ano pasado, na Oficina de Atención ao Peregrino, foron atendidas 133 persoas, o que supuxo unha media de cinco asistencias cada día.

O mes de agosto rexistrou un incrementou do número de asistencias, respecto ao mes anterior, con 81 persoas atendidas, fronte ás 52 asistencias rexistradas no mes de xullo.

O día no que se atenderon máis pacientes foi o 10 de agosto, con 12 persoas asistidas e a franxa horaria con maior afluencia foi entre as 13,30 horas e as 14,30 horas. Respecto ao sexo dos atendidos, o 57% foron mulleres e o 43% homes.

Patoloxías máis atendidas

As patoloxías máis atendidas foron lesións cutáneas (68%) derivadas principalmente polo roce continuo co calzado e feridas leves, e dor aguda (15%) causada por escordaduras, torceduras e sobrecargas ou rotura de fibras musculares e edemas nas pernas.

Así, as asistencias resolvéronse como coidado de feridas (92%), inmobilización da zona afectada (14%) e administración de medicación tópica (12%), principalmente. Ademais, o 96% das asistencias realizadas polo persoal do 061 de Galicia finalizaron coa alta do paciente no punto, sen que fora necesaria a derivación a outro nivel asistencial.

A Orden de San Juan de Jerusalén é unha orde relixiosa laica, tradicionalmente militar, cabaleiresca e nobiliaria. Constitúe unha das máis antigas institucións da civilización occidental e cristiá, e os seus voluntarios están organizados en estruturas sociais, asistenciais, sanitarias e sociais dedicadas a dar servizo aos pobres e necesitados. Actualmente, esta orde está presente en máis de 120 países.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 presta atención sanitaria ás urxencias e emerxencias sanitarias no ámbito extrahospitalario na Comunidade galega desde o ano 1995 e actualmente está considerado como un dos servizos públicos sanitarios mellor valorados pola cidadanía, obtendo os máis altos índices de satisfacción pola súa poboación usuaria.