29/xan/2025

A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas para as Áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra

  • A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou unha das vivendas rehabilitadas no marco destas achegas no concello de Paradela, na provincia de Lugo
  • Este programa de axudas permitiu impulsar a renovación ou rehabilitación de preto de 1.700 vivendas en Galicia dende 2021
  • Os propietarios e comunidades de veciños interesados nesta convocatoria poden presentar as súas solicitudes ata o 27 de febreiro

Paradela (Lugo), 29 de xaneiro de 2025

Os propietarios nas Áreas de rehabilitación integral (ARI) supramunicipais dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra, xa poden solicitar as axudas destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios residenciais, ás que as Xunta destina este ano 1M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Paradela, na provincia de Lugo, unha das vivendas renovadas a través destas achegas, coas que desde o ano 2021 se impulsaron preto de 1.700 actuacións, cun investimento total de 7,5M€.

Allegue puxo como exemplo do resultado deste programa a reforma realizada pola propietaria, que obtivo unha axuda de 34.000€ da ARI Ribeira Sacra, para unha vivenda unifamiliar de dúas plantas na que se conservaron as fachadas orixinais.

A conselleira resaltou a aposta da Xunta por asentar poboación no rural, creando novos fogares que dean a familias a oportunidade de comezar unha nova etapa vital na contorna da Ribeira Sacra e nas localidades polas que transcorren os diferentes Camiños.

Por último, M. Allegue puxo o acento nas medidas en materia de vivenda que está a impulsar a Xunta de Galicia centradas en vilas de pequeno tamaño con outros programas como o de reparación de infravivendas para concellos de menos de 10.000 habitantes; o de Rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal para localidades de menos de 30.000 habitantes ou as axudas á adquisición, cunha modalidade específica para beneficiarios en vilas de menos de 10.000 habitantes.

No que atinxe ás axudas para ás ARI dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra, o prazo rematará o vindeiro 27 de febreiro e será requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras, para as que previamente debe obterse a cualificación provisional. O orzamento deste programa ascende a 1M€.

Beneficiarios das actuacións

No ámbito das dúas ARI supramunicipais poderán solicitar a axuda as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades; as agrupacións de propietarios; e as persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas que xa acadaran a cualificación definitiva outorgada polo IGVS.

A contía das axudas chega ata o 75% do importe subvencionable da actuación. O importe máximo poderá acadar os 12.000€ por vivenda rehabilitada e 30.000€ no caso de construción en substitución doutra previamente demolida.