11/ago/2024

Gómez Caamaño recibe a Quique, rapaz con sarcoma, á súa chegada ao Obradoiro tras completar o Camiño de Santiago para recadar fondos contra o cancro

  • O conselleiro de Sanidade acompaña ao medio cento de persoas que realizaron xunto a Quique o Camiño francés desde Sarria na procura dun futuro sen sarcoma

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na Praza do Obradoiro na recepción a Quique, paciente de cancro de 14 anos de idade, e a membros da Fundación CRIS contra o Cancro e da Fundación Iñaki Nogueroles, que realizaron o Camiño de Santiago  desde Sarria por un futuro sen sarcoma.

A actividade ten como obxectivo recadar fondos para a investigación de novos tratamentos contra os sarcomas infantís.

Galicia é referente a nivel nacional no eido oncolóxico na súa aposta por tratamentos innovadores, ao impulsar a construción dun centro de protonterapia público, e co deseño de novas terapias, os medicamentos CAR-T, e o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia.

No acto de recibimento ao medio cento de persoas participantes, o conselleiro de Sanidade destacou a experiencia do Camiño como unha vivencia de superación, que axuda a afrontar retos.