A Xunta apoia iniciativas como Enki no Camiño que son claves para fomentar a plena inclusión de persoas con discapacidade
- Este tipo de proxectos amosan o carácter inclusivo da ruta xacobea, apta para persoas de calquera idade e características físicas, psíquicas, sociais ou culturais
- A Xunta mantén un firme compromiso coa atención á discapacidade ao incrementar este ano un 16% o orzamento para este eido ata superar os 165 M€
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe na praza do Obradoiro aos participantes dunha nova edición de ‘Enki no Camiño’, unha iniciativa promovida pola Fundación Abrente e que facilita material adaptado para que as persoas con discapacidade poidan peregrinar a Santiago en bicicleta. Trátase dun programa que conta co apoio do Goberno galego e que busca a plena inclusión deste colectivo así como visibilizar a discapacidade a través do deporte.
En concreto, Rueda e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, recibiron aos 13 participantes que fixeron o Camiño desde Roncesvalles (Navarra) en bicicleta adaptada e a un grupo de amigos e familiares que os acompañaron a pé na última etapa.
Este tipo de iniciativas demostran o carácter inclusivo do Camiño de Santiago xa que é unha experiencia da que poder desfrutar con independencia da idade ou das características físicas, psíquicas, sociais e culturais.
Unha das prioridades da Xunta é mellorar e avanzar na atención ás persoas con discapacidade, como proba que o orzamento para este eido aumentase este ano un 16% ata superar os 165 millóns de euros.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata