5/xuñ/2023

O presidente da Xunta visita as instalacións do novo albergue público de Ferrol

  • Subliña que estará en marcha en xullo e que vai ser o centro con maior capacidade nesta ruta ao contar con 60 prazas
  • O primeiro albergue público da cidade de Ferrol vai elevar a 76 os centros da rede autonómica, sete deles no Camiño Inglés
  • Destaca que o Camiño de Santiago “é o mascarón de proa do turismo e a marca Galicia”
  • O Goberno galego traballa para converter esta ruta xacobea nun referente de turismo familiar e ‘pet friendly’

Ferrol, 5 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o novo albergue público de peregrinos de Ferrol vai consolidar e impulsar o Camiño Inglés entre os peregrinos que se dirixen a Compostela. O titular do Goberno galego destacou que esta ruta que parte do mar “está a crecer moito” e xa é a cuarta máis utilizada, só por detrás do Camiño Francés e as dúas variantes portuguesas.

O primeiro albergue público da cidade de Ferrol, que comezará a funcionar en xullo, está ubicado na antiga hospedería da Casa do Mar. Rueda resaltou que vai ser o albergue con maior capacidade de todo o Camiño Inglés -ao dispoñer de 60 prazas- e contará cunhas instalacións que garantan a accesibilidade e a eficiencia enerxética.

O presidente subliñou que este albergue vai servir “como elemento tractor” para que xurdan outro tipo de iniciativas vencelladas ao Camiño nesta comarca e darlle un pulo ao sector turístico nesta zona. “O Camiño Inglés está medrando moito e aínda lle queda moito percorrido. É unha fonte de oportunidades”, indicou.

Coa apertura deste albergue, a rede pública galega contará con 76 centros de acollida aos peregrinos, dos que sete se atopan no Camiño Inglés. Rueda resaltou a importancia do Camiño de Santiago non conxunto do turismo da comunidade. “O turismo en Galicia é moito máis que o Camiño de Santiago, pero o Camiño é o mascarón de proa do turismo e da ‘marca Galicia’”, destacou.

Por iso, a Xunta destina 125 millóns de euros de orzamento ao Plan Director do Camiño de Santiago 2022-2027. Case a metade do orzamento vai dirixido a actuacións de mantemento e mellora das sendas e os albergues.

Ademais, o Goberno autonómico aposta por impulsar o Camiño Inglés como un referente do turismo familiar e para convertelo en Camiño ‘Pet Friendly’. A Xunta traballa na adaptación dos últimos 40 quilómetros da ruta para poder facelos con nenos (ao dividilos en etapas de 8 quilómetros de media) e vai modificar a sinalización e engadir zonas de lecer infantís e servizos para as familias en toda a ruta.