Diego Calvo recibe a membros do Parlamento Europeo no marco das xornadas sobre o Camiño e os roteiros culturais europeos
- A recepción oficial no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela enmárcase na celebración das xornadas de estudo ‘Os Camiños de Santiago e outros itinerarios culturais: Visións desde Europa’ organizadas pola Xunta e un grupo de eurodeputados no Museo das Peregrinacións
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2022
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe no Hostal dos Reis Católicos xunto ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, a un grupo de deputados do Parlamento que participaron nas xornadas de estudo Os Camiños de Santiago e outros itinerarios culturais: Visións desde Europa. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración tamén destas xornadas organizadas no marco da programación do Xacobeo 21-22 e que acolleu o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.
O grupo estivo encabezado polo eurodeputado galego e presidente do Intergrupo Patrimonio cultural europeo, Camiño de Santiago e outros Roteiros Culturais Europeas no Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon. Asistiron tamén Dolors Montserrat Montserrat, Juan Ignacio Zoido Álvarez, Pilar del Castillo Beira, Leopoldo López Gil, Gabriel Mato Adrover, Adrián Vázquez Lázara, Rosanna Conte (Italia), José Manuel Fernandes (Portugal), Kinga Gál (Hungría), Enikő Győri (Hungría), Tomáš Zdechovský (República Checa) e Željana Zovko (Croacia).
Na recepción oficial, o vicepresidente segundo da Xunta saudou aos eurodeputados e sinalou a importancia do Camiño de Santiago na construción da identidade europea, tendo en conta que supón un espazo de cooperación, encontro e valores comúns. Por iso, lembrou o papel que ocupa o Camiño de Santiago como primeiro roteiro cultural desde 1987 e como Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1993.
Nesta liña, Diego Calvo puxo o Camiño de Santiago como exemplo do turismo sostible, innovador e de Galicia polo que está a apostar a Xunta e invitou a visitar e a camiñar a Galicia neste Xacobeo 21-22 histórico.
Pola súa banda, o eurodeputado galego Millán Mon agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia para organizar estas xornadas nas que destacou a importancia do programa do Consello de Europa dos Roteiros Culturais Europeos e o rexurdimento dos Camiños nas últimas décadas, en boa parte co impulso da Xunta cos programas Xacobeos.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata