A Xunta colabora no “XII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos” para poñer en valor o legado da peregrinación a Santiago
- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na inauguración do congreso que reunirá ata o sábado a expertos de todo o mundo para avaliar a evolución da peregrinación desde o medievo ata o viaxeiro actual
- Alfonso Rueda destacou a importancia da investigación sobre a peregrinación xacobea na conservación da historia e os valores do Camiño de Santiago
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na inauguración do XII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, que acollerá ata o próximo sábado a expertos de todo o mundo para avaliar a evolución do Camiño de Santiago desde o peregrino medieval ata o viaxeiro moderno que fai o Camiño de Santiago na actualidade e narra a súa viaxe nas redes sociais.
A Xunta colabora na organización deste evento, consolidado como un referente internacional da investigación xacobea, xunto co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. Nesta edición encargaranse da coordinación do congreso Paolo Caucci Von Saucken, profesor da Univertità degli Studi de Perugia; e Manuel Castiñeiras, catedrático da Universitat Autònoma de Barcelona.
Alfonso Rueda destacou a importancia da investigación sobre o culto a Santiago e a peregrinación xacobea na conservación da historia e os valores do Camiño de Santiago. Nesta liña, incidiu en que este congreso contribúe a poñer en valor o legado cultural, patrimonial e espiritual da peregrinación xacobea.
Nas sesións abordaranse asuntos como o Códice Calixtino, os contidos do Museo da Catedral, a arte na ruta xacobea e os retos de futuro para o Camiño de Santiago. Ademais, os asistentes realizarán unha visita a Padrón o venres 25 de marzo.
Con motivo do Xacobeo 21-22, o Comité afronta un novo reto con este congreso, no que se pretende analizar o estado da peregrinación xacobea das últimas décadas en tres apartados fundamentais: o saber da investigación, o andar das redes de itinerarios e hospitais, e o crer da espiritualidade e as devocións do Camiño.
O vicepresidente primeiro incidiu en que Galicia ofrece o que tanto peregrinos como turistas están a buscar tras a pandemia, isto é, un destino seguro, de calidade e sustentable e cun Camiño seguro para desfrutar dun turismo tranquilo e sen masificacións en contacto coa natureza e en espazos abertos. Por iso, agarda que este ano co despegue da peregrinación internacional Galicia acolla coincidindo co Xacobeo 21-22 a peregrinos de todo o mundo e continuar así coa reactivación do Camiño de Santiago, que o ano pasado rexistrou case 180.000 Compostelas.
Outras novas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado