14/xan/2022

A mostra da Xunta ‘Percorrer o tempo’ leva a Ourense a mirada de destacados artistas visuais e audiovisuais sobre o Camiño

  • O secretario xeral de Cultura participou hoxe na apertura da exposición itinerante, que permanecerá ata marzo na Praza Bispo Cesáreo con contedores de barco como salas de exhibición
  • Participan profesionais de percorrido nacional e internacional, entre os que figuran un Premio Nacional de fotografía e varios membros da Axencia Magnum, así como o ourensán Iván Nespereira

Ourense, 14 de xaneiro de 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Ourense na inauguración da exposición itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, na tamén interviñeron a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, e a responsable territorial da Fundación “la Caixa”, Susan Santos. A través de contedores de barco convertidos en salas de exhibición, a mostra achega diversas perspectivas das rutas xacobeas a través da ollada de dez artistas de primeiro nivel do eido visual e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados. Así, figuran profesionais como a presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, a Premio Nacional de Fotografía Cristina de Middel ou o ourensán Iván Nespereira.

No acto de apertura, que contou coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, Anxo M. Lorenzo convidou a cidadanía a achegarse a esta exposición, que ofrece un “enfoque poliédrico e contemporáneo do Camiño” ademais dunha “concepción ampla do propio feito de camiñar, desde o percorrido do territorio ata a peregrinación”. Referiuse tamén ao grupo “diverso e paritario que conforman os artistas, dunha xeración nova pero con longa traxectoria, que dá como resultado unha nova ollada audaz e orixinal, con achegas moi diversas”. A iniciativa, que permanecerá na Praza Bispo Cesáreo ata o 14 de marzo, conta co apoio da Fundación “la Caixa” no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22.

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño exhíbese en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os cinco restantes como salas de exhibición. Neles pode contemplarse o traballo fotográfico e audiovisual como secuencias de imaxes, curtametraxes ou formatos híbridos de fotografía e vídeo. Segundo indicou o secretario xeral de Cultura, “o percorrido entre contedores e contidos quere reflectir a propia viaxe dos artistas para a realización dos proxectos, así como o transitar do Camiño”.

Participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.