A Xunta de Galicia restaurará as fachadas dos colexios de Fonseca e San Xerome
- Precisa que esta actuación, que conta cun prazo previsto de execución de tres meses, incluirá traballos tanto nas cubertas como nos paramentos verticais e na carpintería exterior, co obxectivo de mellorar a súa integridade
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que as obras de mellora nas fachadas dos colexios de Fonseca e San Xerome completarán a renovación do Obradoiro, “o punto de encontro máis importante de Galicia e un dos puntos de encontro máis importantes de Europa occidental”, aseverou.
Durante a sinatura do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para levar a cabo ambas actuacións, Feijóo subliñou que, cun prazo previsto de execución de tres meses, as obras incluirán traballos tanto nas cubertas como nos paramentos verticais e na carpintería exterior, co obxectivo de mellorar a súa integridade.
Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego incidiu en que despois da renovación, os visitantes poderán tamén constatar, ao chegar á praza do Obradoiro, o relevante papel que xoga a Universidade na cidade e na Comunidade, non só no eido da formación ou da ciencia, senón na tamén no arquitectónico.
Tras a importante restauración acometida na Catedral, Feijóo concluíu facendo fincapé en que con este convenio péchase a recuperación patrimonial da totalidade dos edificios que conforman a praza do Obradoiro, e baixo o compromiso de seguir conservando o mellor das institucións de Galicia.
O Colexio de Fonseca é un edificio renacentista mandado construír polo arcebispo Alonso de Fonseca que conta, entre outros, coa Biblioteca Xeral da Universidade, o Salón Nobre ou o Salón de Graos; e San Xerome, construído no século XVII, pecha polo sur a praza do Obradoiro e é hoxe en día a sede do reitorado. O conxunto que conforman ambos edificios pecha o Obradoiro na parte meridional, polo que representan un dos conxuntos máis singulares da trama urbana de Santiago.