18/dec/2019

Máis de 3.000 persoas participaron nas actividades de ‘Vive o Camiño’ que culminan este fin de semana en Santiago

  • O proxecto para a Vía da Prata desenvolveu este outono rutas a pé, actividades gastronómicas e obradoiros para nenos e adultos de balde
  • A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participará nas iniciativas que se levarán a cabo este venres na capital galega

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2019.- O programa Vive o Camiño, posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de dinamizar e pór en valor o patrimonio xacobeo da Vía da Prata, culmina este fin de semana en Vedra e Santiago despois de celebrar un cento de actividades ás que asistiron máis de 3.000 persoas. Trátase dun proxecto que se desenvolveu ao longo deste outono e que conta con rutas a pé, actividades gastronómicas e obradoiros para nenos e adultos de balde.

No caso de Santiago, onde está previsto que participe nas actividades a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, o programa comezará ás 16,00 horas na Colexiata do Sar, desde onde partirá un paseo guiado polo tramo final da Vía da Prata que inclúe unha visita ao Museo das Peregrinacións e de Santiago. Así, durante preto de dúas horas os participantes terán a oportunidade de descubrir unha parte do patrimonio histórico e natural de Compostela da man de guías expertos.

O resto das actividades terán lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Así, a partir das 17,00 horas, celebrarase un obradoiro para adultos que, baixo o título Memorias de Prata, permitirá aos participantes afondar na riqueza do patrimonio local. Despois, ás 18,30 horas, haberá dúas actividades simultaneamente. Unha delas será o obradoiro Xogando coa natureza, pensada para os máis cativos, e a outra será o evento Catar o Camiño, no que se ofrecerá ao público asistente unha degustación de produtos enogastronómicos. Como convidados ao evento estarán Ramón Yzquierdo Perrín, doutor en Historia da Arte e académico da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, e Natalia González, en representación da D.O. Monterrei.

Tras visitar Compostela, Vive o Camiño trasladarase ata Vedra, onde as actividades terán lugar na xornada do domingo a partir das 10,30 horas, momento no que haberá un roteiro desde a Capela do Gundián. Posteriormente, os adultos poderán asistir ao obradoiro Memorias de Prata que terá lugar ás 12,00 horas na Casa da Estación. Neste mesmo lugar, e ás 12,45 horas, o público infantil poderá asistir ao taller Xogando coa natureza. O punto final á xornada será ás 12,45 horas na Nave da Estación coa actividade enogastronómica Catar o Camiño.
Un cento de actividades este outono

En total a Xunta programou un centro de actividades durante este outono nos 35 concellos polos que transcorre a Vía da Prata nas que os peregrinos poden interactuar cos veciños das cidades e vilas polas que pasa a Vía da Prata, unha ruta con destacados recursos naturais e patrimoniais e que conta cun importante potencial de crecemento.

Con este obxectivo deseñáronse tres tipos de actividades: rutas a pé nas que descubrir os segredos deste trazado, iniciativas gastronómicas nas que veciños e peregrinos poden degustar produtos enogastronómicos da comarca, e obradoiros para nenos e adultos nos que transmitir os valores xacobeos e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial vinculado co Camiño de Santiago.

Os interesados en participar en calquera destas actividades, gratuítas pero con necesidade de inscrición previa, poderán reservar praza chamando ao número de teléfono 722876073.