16/nov/2019

Román Rodríguez anuncia a contratación da restauración da fachada da quintana e a Porta Santa na Catedral de Santiago

  • Deu conta desta nova fase das obras na Catedral de Santiago nunha visita á mesma realizada co gallo do Día Internacional do Patrimonio Mundial
  • O conselleiro de Cultura agradeceu o “gran esforzo” que a Fundación Catedral está a realizar na xestión das intervencións patrimoniais no templo compostelán
  • A Xunta compromete para o vindeiro 2020 un investimento de preto de 800.000 euros para asegurar que se acometen en tempo e forma todas as actuacións

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado de Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral, e da directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, visitou hoxe co gallo do Día Internacional do Patrimonio Mundial a Catedral de Santiago. O titular de Cultura sinalou que a vindeira semana está prevista a publicación no DOG do anuncio da contratación das obras de restauración da fachada da Quintana e patios da Porta Santa e Porta dos Abades. Un dos últimos proxectos que quedan por executar para que o templo compostelán luza as súas mellores galas o vindeiro Xacobeo 2021.

Román Rodríguez agradeceu o traballo e implicación da Fundación Catedral e do Cabido nas actuacións que se están a desenvolver na sé compostelá no marco dos convenios subscritos entre o Ministerio de Facenda, a Xunta e a Fundación Catedral para executar intervencións patrimoniais por valor de 17 millóns de euros, e lembrou que a Xunta compromete para o vindeiro 2020 un investimento de preto de 800.000 euros para asegurar que se acometen en tempo e forma todas as actuacións precisas para ter esta igrexa de peregrinación a punto para o próximo Ano Santo.

Román Rodríguez explicou que 17 das 19 actuacións están en licitación, en execución ou rematadas, e que se avanza “razoablemente acorde ao previsto” para cumprir cos prazos e actuando co máximo respecto sobre este herdo, do que sinalou, goza do “máximo nivel de recoñecemento internacional”.

O Patrimonio Mundial galego
“Estamos ‒explicou o conselleiro‒ no corazón mesmo do primeiro ben galego incluído pola na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, a Cidade Vella de Santiago de Compostela, en 1985, e ao final do Camiño de Santiago, cuxas rutas, o Camiño Francés, no 1993, e os Camiños do Norte, no 2015, tamén están inscritas nesa selecta lista.”

Como recordou, polo momento, tense recoñecido a Santiago de Compostela, a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules e o Camiño. A Xunta traballa en colaboración co Ministerio de Cultura para que a Paisaxe cultural da Ribeira Sacra o logre en 2021, e está previsto que no medio prazo as Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración tamén o poidan lograr.