A Xunta adxudica as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés no barrio compostelán de San Lázaro
- Estas obras iniciaranse a finais de ano se a meteoroloxía o permite e contan cun prazo de execucións de 9 meses
- A intervención desenvolverase no tramo que vai desde a Ponte de San Lázaro ata a rúa Miguel Ferro Caaveiro
- Habilitarase na marxe esquerda da estrada unha senda para os peregrinos, desprazando á beira oposta as zonas de aparcadoiro
- Ampliarase e mellorarase o paso sobre a vía do tren, dotándoo dun acabado estético propio do Camiño, así como de maior protección
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés ao seu paso polo barrio compostelán de San Lázaro, cun investimento duns 730.000 euros.
Estas actuacións, adxudicadas á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino, iniciaranse a finais de ano se a meteoroloxía o permite e contan cun prazo de execucións de 9 meses.
Esta intervención no Camiño Francés desenvolverase desde a Ponte de San Lázaro, nas inmediacións do restaurante O Tangueiro, ata a rúa Miguel Ferro Caaveiro.
O proxecto prevé habilitar na marxe esquerda da estrada unha senda para os peregrinos, desprazando á beira oposta as zonas de aparcadoiro.
Esa zona de tránsito para os camiñantes estará separada da propia estrada con franxas axardinadas, para diminuír o impacto visual e sonoro do tráfico sobre a experiencia do peregrino.
Destaca especialmente dentro deste proxecto a actuación prevista no paso sobre a vía do tren, que se ampliará e mellorará, dotándoo dun acabado estético propio do Camiño, así como de maior protección e illamento. Xunto con isto, ampliarase o espazo peonil na glorieta da estrada SC-20.
Tamén se prevé habilitar unha nova zona de aparcadoiro fronte ao restaurante O Tangueiro, nunha parcela de propiedade do Concello, que se dotará con 16 prazas para estacionamento.
Trátase dunha intervención destinada, tamén, para beneficiar aos veciños da zona con maior accesibilidade, melloras nas entradas ás vivendas, ampliando a zona de paso peonil e habilitando unha nova parada de autobús.
Esta actuación enmárcase no proxecto para mellorar as entradas das diferentes rutas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021, facendo que sexan claramente visibles e identificables, ao tempo que favorece o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado.
Fotografía: La Voz de Galicia