Cecilia Pereira visita Oímbra para poñer en valor o patrimonio Xacobeo no marco do ciclo ‘Vive o Camiño'
- A Xunta impulsa este ciclo co obxectivo de dinamizar a Vía da Prata mediante rutas a pé, actividades gastronómicas e obradoiros para nenos e adultos de balde
Oímbra (Ourense), 20 de outubro de 2019
A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou hoxe en Cata o Camiño, unha das tres actividades celebradas en Oímbra no marco de Vive o Camiño, o ciclo impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de dinamizar e poñer en valor o patrimonio xacobeo da Vía da Prata ao longo deste outono.
A vila ourensá de Oímbra é a quinta parada deste ciclo que visitará os 35 concellos da Vía da Prata e que contempla un cento de actividades. En total son 105 actividades que teñen lugar cada fin de semana e nas que os peregrinos poden interactuar cos veciños das cidades e vilas polas que pasa a Vía da Prata, unha ruta con destacados recursos naturais e patrimoniais.
Con este obxectivo deseñáronse tres tipos de actividades: rutas a pé, iniciativas gastronómicas e obradoiros para nenos e adultos. No caso de Oímbra, os participantes puideron percorrer pola mañá a Ruta dos Lagares Rupestres. Xa pola tarde, os máis pequenos asistiron ao obradoiro Xogando coa Natureza, mentres que os adultos participaron no taller Memorias de Prata.
Un 3% máis de peregrinos
A xornada pechouse coa actividade Cata o Camiño, que contou coa asistencia da comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, que aproveitou a súa visita a Oímbra para poñer en valor a riqueza enogastronómica da provincia de Ourense e destacar o potencial da Vía da Prata. “Esta ruta conta cun importante potencial de crecemento. De feito, este ano está a incrementar o seu número de peregrinos un 3%”, salientou a comisaria do Xacobeo 21.
Ao longo do mes de outubro, Vive o Camiño chegará tamén a Verín (sábado 26) e Monterrei (domingo 27). Os interesados en participar en calquera destas actividades, gratuítas pero con necesidade de inscrición previa, poderán reservar praza chamando ao número de teléfono 722876073.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés