26/set/2019

O teu Xacobeo implicará a 14.000 escolares de Ferrolterra arredor do Camiño Inglés

  • A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participa na presentación dos proxectos da Federación de Anpas de Ferrol que inclúe peregrinacións polo Camiño de Santiago, un festival e xornadas escolares

Ferrol, 25 de setembro de 2019

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, acompañada de Patricia Pérez Marín, presidenta da Federación de Anpas de Ferrol e Comarca, Concepción Arenal, participou hoxe na presentacións dos proxectos deste colectivo que se inclúen en O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno autonómico para promover actividades de dinamización na antesala do Ano Santo en toda a Comunidade. Concretamente, a Federación de Anpas de Ferrol, co apoio da Xunta de Galicia, impulsará tres proxectos nos que está previsto que participen 14.000 escolares de máis de 30 centros educativos.

Neste marco, celebraranse, entre o 30 de setembro e o 6 de outubro, xornadas escolares co obxectivo de achegar aos estudantes coñecementos especializados sobre o Camiño, así como espertar o interese da rapazada desta comarca pola Ruta Xacobea. Para iso, achegaranse aos nenos material co que poidan traballar nas aulas sobre os valores do Camiño e a celebración do Xacobeo 21. Paralelamente, o proxecto inclúe tamén foros de reflexión e un concurso artístico inspirado no Camiño.

O segundo proxecto será unha peregrinación pensada para que os máis pequenos poidan vivir en primeira persoa a experiencia do Camiño. Esta segunda iniciativa arrancará o 14 de outubro e durará ata o 31 de xaneiro. Haberá tres rutas ás que poderán optar: a máis pequena, dun quilómetro aproximadamente, será entre o porto de Ferrol e a capela das Angustias; o segundo percorrido chegará ata a capela de Caranza e o máis longo, de cinco quilómetros, será ata o mosteiro de San Martiño de Xuvia, no concello de Narón. Unha vez finalizado, os nenos poderán redactar o que sentiron durante a peregrinación nun Diario do Camiño.

Por último, terá lugar un festival no porto de Ferrol, entre os días 17 e 18 de outubro, con obradoiros sobre os materiais que leva un peregrino ou sobre cunchas, música en directo, arte e degustacións arredor do Camiño de Santiago. No marco deste festival tamén haberá rutas en barco para os nenos de Educación Infantil. Neses dous días artistas locais consolidados e emerxentes farán arte en directo ao longo das rutas.

Ademais, o proxecto elaborou un himno que poderán aprender os nenos que participen. A peza foi composta por Javier Dovi, profesor no Conservatorio de Ferrol. O proxecto tamén inclúe a creación dunha mascota, Frechi, que foi presentada hoxe.

Convocatoria dotada con 4,7 millóns de euros
A convocatoria de proxectos O teu Xacobeo, a máis importante da historia de Galicia, permite impulsar máis de 350 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda a Comunidade. O obxectivo é implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do vindeiro Ano Santo, dando resposta a un dos retos marcados polo Plan Estratéxico do Xacobeo 21 que aposta, ademais, por unha celebración descentralizada e sustentable.

Esta liña de axudas espertou un importante interese na sociedade galega e o volume de propostas recibidas, un total de 652, levou a Xunta de Galicia a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.