24/xul/2019

Nava Castro recibe o recoñecemento de Peregrina de Honra outorgado polo Concello de Padrón

  • A directora de Turismo de Galicia foi distinguida hoxe nun acto conmemorativo que se enmarca na tradicional Romaría de Santiaguiño do Monte

Padrón (A Coruña), 24 de xullo de 2019

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe a distinción de Peregrina de Honra de Padrón, nun acto no que cualificou este recoñecemento como un aliciente para seguir impulsando e intensificando o traballo da Xunta para a recuperación, salvagarda e divulgación na Ruta Xacobea.

“Galicia non se entendería sen o Camiño de Santiago. E o Camiño de Santiago non se entendería sen Padrón”. Así o manifestou salientando o papel desta localidade na historia xacobea como testemuña do paso de infinidade de peregrinos que seguen o Camiño Portugués e tamén como un dos xermes da tradición xacobea na Comunidade.

Nava Castro recordou o traballo colectivo realizado nos últimos anos para que Galicia reforzase a súa conciencia sobre o rico legado xacobeo que posúe e manifestou o seu compromiso por seguir axudando desde as súas responsabilidades a Padrón e a construír unha Galicia cada vez mellor que sexa quen de amosar o mellor de si mesma a todo aquel que visite a Comunidade. “Neste cometido, a Ruta Xacobea ten tamén para min un lugar moi especial, como referente internacional no seu modelo de xestión e como carta de presentación ante o mundo con peregrinos de preto de 180 nacionalidades”, explicou.

Co horizonte do Xacobeo 2021, a directora de Turismo de Galicia recordou, ademais, a importancia de traballar xuntos para ser capaces de prolongar o sentimento xacobeo máis alá desa data, traballando para que Galicia continúe a ser un destino máis acolledor, máis preparado e con máis calidade, ao tempo que o Camiño de Santiago continúe a ser un referente de acollida e hospitalidade.