28/Mar/2014

Presentada oficialmente a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago

A Ruta Xacobea é cada vez máis universal. Boa proba diso é a recentemente constituída Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, de ámbito mundial e que aglutina a especialistas de países como Estados Unidos, Xapón, Brasil, Colombia, Italia, Alemaña, Francia, Portugal e España, entre outros. A entidade terá a súa sede en Compostela, concretamente na Cidade da Cultura, onde foi presentada oficialmente o pasado día 27 de marzo.

Presidida pola investigadora italiana afincada en Cee Carmen Pugliese, a asociación aglutina a persoas de moi distintos perfís. Entre elas están desde hospitaleiros como o Padre Blas, até coñecidos investigadores como o profesor itliano Paolo Caucci; presidentes de Confrarías do Apóstolo, como a brasileira Clinete, ou o estudoso portugués Alex Rato. Integran igualmente a relación de asociados outros especialistas como o francés Jean Claude Bennazet, George Greenan, presidente da Asociación American Pilgrins (EE.UU.), José Antonio de la Riera, Antón Pombo, Miguel Taín, Francisco Singul, Elixio Rivas, entre outros.

A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago nace para compartir, defender e  divulgar os valores e o patrimonio do gran legado do Camiño de Santiago, e transmitilo nas mellores condicións a futuras xeracións.

+info: FICS