6/set/2018

A exposición itinerante en 3D ‘De mar a mar’ coa que a Xunta celebra o ano do Camiño Portugués chega a Caldas de Reis

  • A mostra, impulsada por Turismo de Galicia e inaugurada hoxe, está composta por fotografías de gran formato que amosan o patrimonio e as paisaxes da ruta xacobea
  • Tras o seu paso por Pontevedra, Padrón e Coimbra, permanecerá na sala de exposicións do Auditorio Municipal desta localidade ata o vindeiro 28 de setembro
  • No calendario de preparación do Xacobeo 2021, Turismo de Galicia dedica 2018 a esta ruta e ao Camiño Portugués pola Costa con diferentes accións de mantemento e tamén accións de dinamización musical e cultural como esta

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2018

A localidade de Caldas de Reis acolle desde hoxe e ata o 28 de setembro a exposición itinerante en 3D De mar a mar, a proposta expositiva coa que a Xunta de Galicia está a celebrar ao longo deste 2018 o Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa, tal e como establece o Plan director do Camiño de Santiago. A mostra, que chega a Caldas de Reis tras o seu paso con éxito por Pontevedra, Padrón ou a localidade portuguesa de Coimbra, é unha recompilación de preto de máis de 20 fotografías de gran formato realizadas coa técnica estereográfica.

As imaxes retratan o patrimonio, as paisaxes e os propios peregrinos tanto do Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa como do Camiño Inglés e o de Fisterra e Muxía, as catro rutas nas que está presente esta mostra itinerante e ás que o plan director dedica os principais investimentos nos dous últimos anos.

A exposición enmárcase nas accións de dinamización cultural que se están a levar a cabo este ano en diferentes localidades do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa aos que a Xunta dedica este ano. O Goberno autonómico está a centrar os seus esforzos en 2018 en ambos os itinerarios tanto con actuacións de acondicionamento e mantemento como con accións divulgativas e culturais, como esta exposición.

Xunto a esta mostra, Caldas de Reis tamén ten presenza nas actividades de dinamización previstas para este ano, como o programa musical e de contacontos Vive o Camiño, organizado por Turismo de Galicia, que fixo parada nesta localidade a semana pasada.

De mar a mar pode visitarse na sala de exposicións do Auditorio Municipal de Caldas de Reis (paseo Román López, 5) os luns, mércores e venres en horario de tarde (de 15,30 a 21,30 horas) e martes e xoves en horario de mañá (de 8,00 a 14,00 horas).