‘O Camiño remata en Obradoiro’ súmase ao ano dedicado ao camiño portugués coa peregrinación do baloncestista Aza Petrovic
- A directora de Turismo participou hoxe na presentación da cuarta edición desta iniciativa que protagonizará o ex xogador croata e actual seleccionador de Brasil
- O Plan director do Camiño de Santiago, impulsado pola Xunta, centra este ano os seus esforzos na promoción, acondicionamento e divulgación deste itinerario
- Esta ruta recibiu no que vai de ano máis de 15.900 peregrinos, unha cifra que supera nun 18% á do ano pasado e consolídase como a segunda máis transitada
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación da IV edición de O Camiño remata en Obradoiro, o proxecto no que destacadas figuras do baloncesto internacional realizan varias etapas do Camiño de Santiago para promover os valores da ruta xacobea ao tempo que axudan a entidades sen ánimo de lucro a conseguir recursos cos que financiar as súas actividades. A edición deste ano céntrase no Camiño Portugués, sumándose así ao ano dedicado a este itinerario, incluído na planificación do Plan director do Camiño de Santiago da Xunta.
Durante a presentación, Nava Castro puxo en valor esta iniciativa ao aliñarse co compromiso do Goberno galego por promover, manter e difundir todos os itinerarios da ruta xacobea. Turismo de Galicia está a acadar este obxectivo grazas a este Plan director, do que están en marcha máis da metade das accións e que está a servir de importante revulsivo para a rehabilitación e mellora de cada un dos itinerarios xacobeos.
Tras actuar xa no Camiño Francés, no Camiño do Norte, no Camiño Primitivo, no Camiño Inglés e no de Fisterra e Muxía, os esforzos céntranse este ano no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa, cun investimento conxunto de 2,5 millóns de euros para a súa posta a punto. Trabállase no seu acondicionamento e sinalización, na promoción con actividades divulgativas e exposicións, así como no reforzo da acollida dos peregrinos.
Desde Tui a Santiago de Compostela
“Pretendemos que así o Camiño de Santiago manteña a súa vitalidade e que continúe a ser un dos principais motores de Galicia e de todos os galegos, obxectivo compartido con proxectos como este O Camiño remata en Obradoiro”, indicou Nava Castro.
O protagonista desta cuarta edición será Aleksandar Petrovic -coñecido como Aza Petrovic- ex xogador croata, protagonista dos éxitos da selección iugoslava de baloncesto e actual seleccionador de Brasil, que peregrinará desde o 27 ao 31 de maio polas últimas etapas do Camiño Portugués, desde Tui ata Santiago de Compostela. Percorrerá así o Camiño Portugués, o segundo itinerario máis transitado e polo que camiñaron máis de 15.900 peregrinos no que vai de ano, unha cifra un 18% superior ás mesmas datas de 2017.
Outras novas
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés