Feijóo destaca o labor dos selos homenaxe a Santiago e ao Camiño como peregrinos que axudan a espallar a mensaxe fraterna que Galicia envía
- Afirma que o Camiño de Santiago e Correos teñen un común denominador: “Ambos comunican e constrúen Comunidade nunha teima que se remonta nos tempos”
- Lembra que o Plan director do Camiño de Santiago, orientado ao Xacobeo 2021 e con máis da metade das actuacións en marcha, potencia a internacionalización, con peregrinos dos cinco continentes
- Agradece a atención e colaboración de Correos no feito xacobeo co que Galicia segue axudando a conformar o mundo; e que ademais ten unha forte repercusión nos concellos rurais
- Resalta que a Xunta e Correos están a traballar tamén nunha peregrinación singular que se iniciará en outono en Williamsburg, Estados Unidos, cunha exposición que percorrerá cinco cidades de América do Norte
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2018
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor dos selos homenaxe a Santiago e ao Camiño como peregrinos que, igual que os peregrinos tradicionais, axudan a espallar a mensaxe fraterna que Galicia envía.
Durante o acto de presentación dos selos Patrimonio Mundial. Santiago de Compostela e Camiño Costeiro, Feijóo afirmou que o Camiño de Santiago e Correos teñen un común denominador: “Ambos comunican e constrúen Comunidade nunha teima tenaz que se remonta nos tempos”, dixo, recordando que desde 1937 a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre edita un selo conmemorativo de cada ano santo compostelán. Un total de 69 selos que divulgaron por todo o mundo diferentes monumentos e lugares de Compostela e a Ruta Xacobea.
Nesta mesma liña, subliñou que a Xunta puxo en marcha no 2015 o Plan director do Camiño de Santiago que está orientado ao Xacobeo 2021, potenciando a internacionalización, con peregrinos dos cinco continentes, e a diversificación a través de todos os itinerarios que percorren Galicia.
Así mesmo, lembrou que a comezos de ano se creou a Comisión organizadora do Xacobeo 2021; neste mesmo mes reuniuse, ademais, o pleno do Consello Xacobeo, no que se aprobou que Galicia presida o novo grupo de traballo creado para a promoción e difusión do ano santo; “e a finais de 2018 conmemoraremos o XXV aniversario da declaración pola Unesco do Camiño Francés como Patrimonio Mundial”, dixo, ao que engadiu o compromiso do Goberno central de outorgar bonificacións fiscais aos patrocinadores do Xacobeo durante tres anos.
Con máis da metade das actuacións do plan en marcha, o presidente do Goberno galego resaltou que, neste ano 2018, os traballos se centran no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa, coa construción dun novo albergue no casco vello de Vigo.
Ao longo da súa intervención, Feijóo quixo agradecer a atención e colaboración de Correos no feito xacobeo co que Galicia segue axudando a conformar o mundo; e que ademais ten unha forte repercusión nos concellos rurais. Non en van, segundo un estudo da Universidade de Santiago, cada peregrino supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas nacionais.
Por último, o presidente do Goberno galego resaltou que a Xunta e Correos están a traballar tamén nunha peregrinación singular que se iniciará en outono en Williamsburg, Estados Unidos, cunha exposición que percorrerá cinco cidades de América do Norte, incluíndo Chicago e Nova York. Unha iniciativa que axudará a facer máis coñecidas as rutas xacobeas e a Galicia, que o ano pasado visitaron 17.000 peregrinos estadounidenses.