22/mar/2018

Nava Castro recibe aos estudantes de 19 universidades que peregrinan como parte dun proxecto de turismo sustentable

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2018


 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe na praza de Praterías a máis dun cento de estudantes que peregrinaron ata Santiago de Compostela como parte da súa participación no Proxecto Internacional Universitario: O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago: potenciando o poder do turismo para promover o diálogo intercultural e o desenvolvemento sustentable.

A iniciativa, promovida pola Organización Mundial do Turismo (OMT) coa colaboración da Rede Helsinki España e o Grupo Compostela Universidades, incluíu a peregrinación de catro grupos de mozos de 19 universidades e 13 países a través do Camiño Francés, do Camiño do Norte, do Camiño Portugués e da Vía da Prata. A experiencia nesta semana permitiulles poñer en práctica as ideas dos seus traballos teóricos. O proxecto rematará mañá venres coa celebración dun foro internacional onde poderán expoñer as súas conclusións.