O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago celebra mañá un acto académico na Universidade de Coimbra
- Membros do órgano asesor da Xunta de Galicia en temas xacobeos e autoridades portuguesas rememorarán o histórico papel desta cidade lusa na peregrinación
- Este comité, composto na actualidade por seis recoñecidos estudosos de distintos países, reforzou o seu papel nos últimos anos dentro do Plan director do Camiño
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2018
O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago celebrará mañá luns pola tarde en Coimbra un acto académico na Biblioteca Xeral da Universidade onde rememorarán o histórico papel desta cidade en relación coa cultura xacobea e a peregrinación, cunha especial referencia á figura de Santa Isabel de Portugal.
O presidente do Comité, Paolo Caucci, estará acompañado neste acto académico polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e doutros dos seus membros como Klaus Herber, Adeline Rucquoi e María José Azevedo Santos, ademais de personalidades académicas, civís e relixiosas, entre elas o presidente de Turismo Centro de Portugal, Pedro Machado, e representantes do movemento asociación portugués, en concreto do Centro de Estudos Xacobeus de Porto. Este acto coincide coa celebración dunha sesión de traballo do propio Comité que terá lugar durante a mañá deste mesmo día.
Este evento incide no establecido no Plan director do camiño de Santiago, aprobado hai máis de dous anos e que recolle a necesidade de afondar na internacionalización da actividade deste Comité, que foi creado en 1993 e que desde entón asesora á Xunta de Galicia nos temas relacionados co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.
Reforzo da súa actividade
Ao abeiro deste plan, ten consolidado as súas actividades, coa recuperación dos Congresos Internacionais de Estudos Xacobeos e de xornadas específicas. Un dos principais logros é a edición anual da revista Ad Limina, de estudos sobre a ruta e as peregrinacións, cun alto prestixio ao resultar incluída en índices e bases de datos Rebiun, Dialnet, Latindex, OCLC-World Cat e Regesta Imperii, aos que se sumou ERIH Plus, de máximo nivel académico, e EBSCO Information Services, un dos principais agregadores de contidos a nivel mundial.
Igualmente o comité viu reforzado o seu papel asesor en materia de estudos xacobeos, pois foi incorporado como Comité Científico pola Federación Europea do Camiño de Santiago e designado como órgano asesor da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela, impulsada co apoio de Turismo de Galicia.