29/xan/2018

Feijóo refírese ao Camiño como a vía para inspirar e promover un turismo humanizado, cordial e que permita o contacto entre o visitante e a realidade galega

  • “Queremos que os peregrinos non só se conten en estatísticas, senón que conten en toda a súa individualidade”, di
  • Destaca que Galicia está a preparar o Xacobeo 2021, a través dunha Comisión Organizadora que coordinará actuacións públicas e privadas.
  • En breve, porase en marcha o primeiro programa de promoción e xa se conta co compromiso de bonificación fiscal para os patrocinadores
  • Salienta que a Ruta Xacobea nace como un desafío ás fronteiras: “O Camiño de Santiago representa a vitoria dos camiños”

Barcelona, 29 de xaneiro de 2018

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao Camiño de Santiago como a vía para inspirar e promover ao seu redor un turismo humanizado, cordial e que permita o contacto entre o visitante e a realidade galega. “Queremos que os peregrinos non só se conten en estatísticas, senón que conten en toda a súa individualidade”, dixo, ao que engadiu que con ese obxectivo a Comunidade galega está a preparar o Xacobeo 2021, a través dunha Comisión Organizadora que coordinará actuacións públicas e privadas.

Así mesmo, o titular da Xunta confirmou que, en breve, se porá en marcha o primeiro programa de promoción e xa se conta co compromiso de bonificación fiscal para os patrocinadores.

Durante a súa intervención na entrega dos XV Premios Xavier do Turismo-HTS, Feijóo salientou que a Ruta Xacobea nace como un desafío ás fronteiras. “O Camiño de Santiago representa a vitoria dos camiños”, asegurou, lembrando que os peregrinos foron socavando ao longo dos séculos as divisións dunha Europa fragmentada.

O presidente da Xunta resaltou que a nova Galicia que xorde da democracia e o autogoberno propúxose reactivar o Camiño, vendo nel unha parte da súa personalidade e tamén un medio para lanzar unha mensaxe a todo o mundo: Galicia ten as portas abertas; Galicia quere ser a grande anfitrioa de españois e europeos; Galicia aspira a ser non só un belo “fin da terra”, senón tamén o seu principio. O responsable do Executivo autonómico afirmou que esa mensaxe tivo resposta, como o demostran os 300.000 peregrinos que cada ano se converten en galegos, e fan que os galegos se convertan en cataláns, franceses, alemáns, xaponeses...

Feijóo concluíu agradecendo en nome de todos os galegos o galardón Categoría Profesional: Camiño de Santiago. Uns premios que desde 2003 outorga a Facultade de Turismo e Dirección Hoteleira San Ignasi para distinguir a personalidades ou institucións que teñan contribuído ao desenvolvemento do sector e ao seu impulso na formación. Non en van, o xurado destes premios está formado por 14 personalidades de prestixio entre os que se atopan varios directores de escolas de turismo, universidades e altos directivos de empresas internacionais, como o ex-ministro de Educación e ex-director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, o reitor da Universidade Ramón Llull, Josep María Garrell, ou o ex-presidente do Consello Xeral da Avogacía e vicepresidente emérito do Tribunal Constitucional, Eugeni Gay, que foi o encargado de entregar o premio ao presidente da Xunta.