O Congreso Internacional de Estudos Xacobeos abre a súa décima edición cunha homenaxe ao profesor alemán Robert Plötz
- A esposa e o fillo do investigador, falecido este ano e integrante do Comité de Expertos do Camiño de Santiago, recibiron o recoñecemento da Xunta de Galicia na inauguración das xornadas, centradas, nesta ocasión, no padroado de Santiago
- Nava Castro agradeceu aos membros deste Comité a súa proposta para incluír o ‘Códice Calixtino’ no Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco tras ser aceptada
- A directora de Turismo lembrou que o Plan director do Camiño de Santiago dedica unha das súas liñas ao fomento da investigación e divulgación da cultura xacobea
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou hoxe o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos Jacobus Patronus, organizado polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago coa participación de especialistas de universidades de varios países. A cita servirá para afondar, ao longo de tres días, nos aspectos máis significativos do padroado do apóstolo Santiago.
Desde esta perspectiva, analizaranse as súas características como protector de nacións, cidades, ordes hospitalarias e militares, confrarías ou igrexas. De xeito especial, indagarase sobre os aspectos espirituais, iconográficos, simbólicos, políticos e históricos dunha relación con vínculos profundos na cultura e mentalidade de moitos pobos de Europa e América.
Nava Castro sinalou que o feito de que este congreso acade a súa decima edición “constata a súa contribución á investigación xacobea desde diversos enfoques e a súa vontade de perseveranza”. Ademais, a directora aproveitou esta ocasión para agradecer aos membros do Comité de Expertos do Camiño de Santiago a súa proposta para que o Códice Calixtino fose incluído no Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco, un fito que acaba de producirse.
A inauguración destas xornadas de estudo e debate, que se levan a cabo no Hostal dos Reis Católicos, foi tamén o escenario para lembrar a figura do profesor alemán Robert Plötz, que faleceu o pasado mes de agosto. Integrante do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago desde a súa fundación, Plötz uniu a súa faceta investigadora coa súa condición de peregrino e animador do movemento asociativo do Camiño de Santiago. A súa esposa e o seu fillo recibiron, de mans de Nava Castro, unha placa conmemorativa como homenaxe e en agradecemento á importante achega de Plötz á revitalización actual da ruta xacobea.
O X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos Jacobus Patronus celébrase no marco da conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, ao redor da cal se están a celebrar numerosas iniciativas. Ademais, como lembrou Nava Castro, o Plan director do Camiño de Santiago, cun orzamento de 56 millóns de euros, apoia, a través dunha das súas liñas estratéxicas, este tipo de iniciativas de fomento da investigación e da divulgación do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.
Relatores de recoñecida traxectoria
Tras a inauguración, Fernando López Alsina, da Universidade de Santiago (USC), ofreceu a conferencia inaugural, á que seguiron relatorios e mesas redondas con Paolo Caucci, da Università degli Studi di Perugia; Adeline Rucquoi, do CNRS de Francia; Paulo Almeida, da Universidade de Coimbra e Porto; Rosanna Bianco, da Università degli Studi di Bari Aldo Moro; Philine Helas, da Bibliotheca Hertziana Roma; María José Azevedo, da Universidade de Coimbra; Miguel Taín, da USC, Hugo O’Donnell e Duque de Estrada, da Real Academia de la Historia, e Jorge Catasús, procedente da Arquidiocese de Santiago de Cuba.
Tamén estarán Carla Varela, da Universidade Nova de Lisboa; Giuseppe Arlotta, do Centro Italiano di Studi Compostellani; Francisco Puy, da USC; Anna Sulai Capponi, da Università degli Studi di Perugia; Antonio Casasola, do Instituto Teológico Pío XII de San Sebastián; Eduardo Andrades, da Universidad del Desarrollo de Chile; Klaus Herbers, da Universität Erlangen, Alemaña; Piotr Roszak, da Uniwersytetu Mikołaja Kopernika, Polonia; Lucia Gai, Comitato san Jacopo, Pistoia, e Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago.
Outras novas
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés