A directora de Turismo sitúa o Camiño inglés como un dos expoñentes da crecente multiculturalidade da ruta xacobea
- Nava Castro participou na inauguración das I Xornadas Internacionais sobre este itinerario que se están a celebrar estes días no concello coruñés de Oroso
- Recordou a aposta da Administración autonómica por impulsar esta ruta, na que o seu departamento inviste 1,4 millóns de euros
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, valorou hoxe o papel do Camiño Inglés como un dos expoñentes da crecente multiculturalidade e internacionalización que está a vivir nos últimos anos o Camiño de Santiago ao recordar o papel histórico deste itinerario para atraer a peregrinos de lugares como Suecia, Noruega, Dinamarca, Finlandia ou Islandia.
Unha herdanza que, como indicou, está a continuar nos nosos días cando están a vir peregrinos de máis de 177 nacionalidades “unhas cifras que nos enchen de ledicia e constatan a vitalidade da peregrinación, máis internacionalizada e diversificada que nunca”, expresou a directora de Turismo.
Nava Castro fixo estas declaracións na inauguración do I Encontro Internacional do Camiño Inglés que se está a celebra estes días no Concello de Oroso, coa presenza de numerosos expertos e profesionais na materia.
Na súa intervención, a responsable de Turismo da Xunta recordou o compromiso do seu departamento con este itinerario, plasmado no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago polo que este ano 2017 está dedicado a este itinerario xacobeo.
Compromiso coa ruta
Ademais, recordou algunhas das actuacións levadas a cabo nesta ruta referidas á sinalización, rehabilitación e melloras, a posta en marcha de novos albergues como O Poulo ou os de Betanzos e Carral anos atrás, coa intención de fortalecer a acollida dos peregrinos. Tamén se referiu a accións de divulgación como o ciclo de artes escénicas Vive o Camiño, que este verán percorreu os 18 concellos do Camiño Inglés enchéndoos de música e teatro. Un conxunto de actuacións que, como recordou, está a desenvolver a Xunta de Galicia cun investimento de 1,4 millóns de euros.
“Son actuacións que seguen o traballo do que xa fixemos en anos anteriores no Camiño Francés, no Camiño do Norte e no Camiño Primitivo e que promoveremos tamén no resto de itinerarios”, salientou Nava Castro.
Outras novas
-
Tue Apr 28 13:00:00 CEST 2026
Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas