A exposición "Memoria da peregrinación" chega a Córdoba como parte do seu percorrido de promoción do Camiño de Santiago
- O fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González realizan unha viaxe pola riqueza e pluralidade da ruta xacobea por varios países de Europa ata Galicia
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2017
O Camiño de Santiago promoverase ao longo do mes de agosto na provincia de Córdoba. A exposición Memoria da peregrinación chega esta semana á localidade de Alcaracejos, onde poderá ser visitada ata o día 28.
A Sala de exposicións do Centro Recrearte acolle esta iniciativa divulgativa, impulsada por Turismo de Galicia e na que tamén colaboran tanto a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Córdoba-Camiño Mozárabe como o concello andaluz de Alcaracejos.
Memoria da peregrinación. Camiño de Santiago. Primeiro itinerario cultural europeo é unha exposición froito da recente viaxe realizada polo fotógrafo Manuel Valcárcel e polo músico Alexandro González, ambos naturais de Galicia, a través dunha serie de itinerarios xacobeos que acumulan unha dilatada historia e tradición. Trátase dunha travesía contemporánea realizada para mergullarse, con todos os sentidos en alerta, na intimidade daqueles lugares históricos que forman parte da memoria cultural da Humanidade como Patrimonio Mundial.
De Bulgaria a Galicia
Ao longo dun intenso percorrido por países como Bulgaria, Hungría, Austria, República Checa, Eslovenia, Italia, o norte de España e a Galicia xacobea, ambos autores móstranse atentos á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa dos espazos e camiños, e reflicten realidades a miúdo silenciadas. Co seu enfoque, denuncian circunstancias que afectan a poboacións próximas aos itinerarios de peregrinación e a modestia da vida nalgúns lugares. Así, expoñen a pluralidade e riqueza dunha Europa vertebrada polo Camiño de Santiago.
Esta actividade afonda nos obxectivos do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, a folla de ruta que está a mellorar a ruta xacobea cun investimento de máis de 56 millóns de euros, dos que xa se executou ao redor dun 60%, cara á celebración do Xacobeo 2021.
Ademais de contribuír á decidida promoción da cultura xacobea e dos diversos valores da peregrinación, persevera nos vínculos coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago.