‘Música no Camiño’ achegará a música popular galega aos peregrinos a través de 14 concertos durante o mes de agosto
- Promovido por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares, o ciclo celébrase desde o mes de xuño na Praza de Praterías
- Os recitais están a ter unha moi boa resposta de público nun ano no que o número de peregrinos xa superou os 150.000, ao redor dun 9% máis que o ano pasado
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2017
O ciclo Música no Camiño, organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares, continuará achegando durante o vindeiro mes de agosto a música popular galega aos peregrinos que cheguen a Santiago, cun total de 14 concertos.
A iniciativa, impulsada por Turismo de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares, leva celebrándose con éxito dende o pasado mes de xuño coa intención de ofrecer unha programación de concertos de música popular galega á chegada dos peregrinos a Santiago de Compostela.
Todos eles son concertos gratuítos, teñen unha duración aproximada dunha hora e se celebran na Praza de Praterías ás 20:30 horas, despois da celebración da Misa do Peregrino. Para o mes de agosto están previstos concertos a fin de semana do 4, 5 e 6, a cargo da Banda de Música de Sanxenxo, da Agrupación Musical Artística de Arcade e da Banda de Música Municipal de Silleda.
A semana do 11 de agosto, os concertos estenderanse durante o venres 11, sábado 12, domingo 13, luns 14 e tamén martes 15 a cargo de Unión de Gulans, Ateneo Musical de Benbrive, Unión Musical de Tenorio, Sons e Soños e Unión Musical de Coruxo.
Divulgar a cultura xacobea
O venres 18 de agosto a música popular galega virá da man de Unión Musical Ponteledesma, o sábado 19 de agosto, da Banda de Música Xuvenil de Torroso e o domingo 20 a cargo da Agrupación Musical do Rosal. O mes de agosto rematará coas actuacións da Banda Artística de Merza o venres 25, da Banda Xuvenil de Barro o sábado 26 e a Banda de Música de Ordes, o domingo 27.
Con estes concertos, Música no Camiño consolídase como a opción do verán para divulgar a cultura xacobea e promocionar a música galega entre os peregrinos que acadan a etapa final do Camiño. A edición deste ano conta cun total de 27 concertos gratuítos, nun ano no que o Camiño de Santiago continúa a consolidarse en número de peregrinos, ata chegar a superar os 150.000, o que supón ao redor dun 9% máis que nas mesmas datas do ano pasado.
Outras novas
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés