26/xul/2017

Nava Castro felicita ao Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago polo seu labor ao longo dos últimos 25 anos

  • A directora de Turismo clausurou hoxe a reunión de traballo deste equipo de nove especialistas de toda Europa que asesora á Xunta en asuntos do eido xacobeo
  • O X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos que se celebrará en novembro, o próximo número da revista ‘Ad Limina’ ou a coordinación da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións foron algúns dos temas abordados na xuntanza
  • Fortalecer a actividade deste comité é unha das medidas contidas no Plan director do Camiño de Santiago, co fin de reforzar a identidade cultural e histórica da ruta

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou hoxe a reunión de traballo do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, un equipo de prestixiosos especialistas xacobeos que asesora á Xunta neste eido desde hai 25 anos. A este aniversario dedicou Castro palabras de felicitación, nunha intervención na que agradeceu o infatigable labor deste comité desde os meses previos do Ano Santo 1993, que marcou un antes e un despois na historia recente da peregrinación, e ata a actualidade, no prólogo doutro importante Xacobeo, o que se celebrará no 2021.

Nava Castro deu as grazas aos nove membros deste comité, presidido por Paulo Caucci, profesor na Università degli Studi di Perugia, “en nome de todos os galegos e dos peregrinos polo seu apoio neste cuarto de século fundamental na definición, xestión e promoción do Camiño de Santiago”. Algúns deles mesmo se implicaron na declaración da ruta xacobea como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, un feito do que se cumprirán 30 anos no próximo mes de outubro e que Turismo de Galicia prevé conmemorar cunha programación especial.

Na súa xuntanza, celebrada hoxe no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago abordou diferentes temas de importancia para a divulgación e a investigación xacobea como o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos que terá lugar en Santiago de Compostela en novembro, o número 8 da revista Ad Limina ou a Cátedra do Camiño do Santiago e das Peregrinacións, creada recentemente entre Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago e a Catedral compostelá. O seu director, Domingo González Lopo, participou na reunión co obxectivo de coordinar a acción da mesma co comité, que exerce de órgano asesor nela. Os distintos informes presentados polos especialistas permiten constatar a oportunidade e o dinamismo do fenómeno xacobeo.
 
Fomento da cultura xacobea

A directora de Turismo de Galicia lembrou que fortalecer a actividade deste comité “é unha das medidas contidas no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, para reforzar a identidade cultural e histórica que este itinerario de peregrinación atesoura”. Unha das liñas de traballo deste plan, que desde hai dous anos avanza coa vista posta no Xacobeo 2021, é precisamente o fomento da investigación, comunicación e divulgación da ruta xacobea e da cultura que a rodea, porque afondar nas súas raíces resulta clave para afrontar o futuro.

Este plan director conta con oito liñas de traballo e un orzamento de máis de 56 millóns de euros do que xa foi executado ao redor dun 60%. Tendo en conta o aumento constante de peregrinos nos últimos anos, que a día de hoxe acadan xa os 150.000 no 2017, esta folla de ruta puxo en marcha numerosas medidas de coordinación entre institucións, de preservación e potenciación dos valores patrimoniais das distintas rutas, conservación e sinalización, sustentabilidade medioambiental, mellora na acollida aos peregrinos ou accesibilidade.

Neste último eido acaba de presentarse o Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago que aspira a facer da Comunidade un referente do turismo inclusivo e do Camiño, unha experiencia da que podan gozar as persoas con diversidade funcional.

 Especialistas de prestixio

Destes asuntos foron tamén informados os membros do Comité de Expertos que, como subliñou Nava Castro, “suman nos seus currículos quilómetros de investigación camiñada e escrita”, o que constitúe “un compás co que guiarnos e unha fonte da que beber sempre”. Todos combinan o seu labor académico cun activo papel como peregrinos e responsables de entidades de amigos do Camiño de Santiago en diferentes países de Europa. Deste xeito a composición do comité é un reflexo das nacionalidades máis presentes na peregrinación.

En concreto, compoñen o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago Paolo Caucci, o seu presidente, profesor na Univertità degli Studi di Perugia e presidente da Confraternita di San Jacopo di Perugia; Manuel Castiñeiras, profesor na Universidade Autónoma de Barcelona; Klaus Herbers, profesor na Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürberg; Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval na Universidade de Santiago; Robert Plötz, profesor na Universität Würzburg e residente da Deutschen St. Jakobus-Gesellschaft; Adeline Rucquoi, directora de Investigación no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia e presidenta da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle; Simon Barton, profesor na Universidade de Exeter; Segundo Pérez, director do Instituto Teolóxico Compostelano e deán da Catedral de Santiago, e María José Azevedo, profesora catedrática da Facultade de Letras de Coimbra (Portugal).