Dúas exposicións na Catedral de Burgos e no concello luso de Barcelos afondan en distintas perspectivas do Camiño de Santiago
- ‘Memoria da Peregrinación’, do fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González, é unha viaxe pola riqueza e a pluralidade da ruta xacobea en Europa
- Na mostra ‘Camiño de Santiago. Unha visión desde Oriente’, o fotógrafo xaponés Tomohiro Muda, un namorado do Románico, percorre o Camiño Francés
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2017
Dúas exposicións impulsadas por Turismo de Galicia poden verse estes días nas cidades de Burgos e de Barcelos. Nelas, afóndase en diferentes perspectivas do Camiño de Santiago en función dos enfoques persoais elixidos polos seus autores, cuxa peregrinación pola ruta xacobea contribúe agora á divulgación do patrimonio cultural e natural que esta atesoura e á súa promoción entre os seus visitantes.
A primeira destas mostras é Memoria da Peregrinación, que pode verse ata finais de xullo no Claustro Baixo da Catedral de Burgos. Trátase dunha exposición froito da recente viaxe do fotógrafo Manuel Valcárcel e do músico Alexandro González, ambos galegos, a través duns itinerarios xacobeos de dilatada historia e tradición. A súa é unha travesía contemporánea realizada para mergullarse, cos cinco sentidos en alerta, na intimidade daqueles lugares históricos que forman parte da memoria cultural da Humanidade como Patrimonio Mundial.
Ao longo dun intenso percorrido por países como Bulgaria, Hungría, Austria, República Checa, Eslovenia, Italia, o norte de España e a Galicia xacobea, ambos autores móstranse atentos á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa dos espazos e camiños, e subliñan realidades a miúdo silenciadas. Co seu enfoque, denuncian circunstancias que afectan a poboacións próximas aos itinerarios de peregrinación e a modestia da vida nalgúns lugares. Así, expoñen a pluralidade e riqueza dunha Europa vertebrada polo Camiño de Santiago.
Lugares representativos do Camiño Francés
No caso da segunda exposición, Camiño de Santiago. Unha visión desde Oriente, amósase o punto de vista da ruta xacobea dun fotógrafo xaponés, Tomohiro Muda, que peregrinou en dúas ocasións a Santiago de Compostela. Muda, que se declara un namorado do románico francés e español, de Galicia e da peregrinación xacobea, detense coa súa particular mirada nalgúns dos lugares máis representativos do Camiño Francés desde a Idade Media.
Esta mostra puido verse nos últimos anos en capitais de todo o mundo como París, Tokyo e México D. F., ademais de Santiago de Compostela. Tamén se desprazou por varias cidades de Alemaña e por concellos galegos do Camiño de Santiago. Agora, recala en Portugal, en concreto na Sala Gótica do concello de Barcelos, dentro do programa do VI Aniversario da Asociación ACB-Albergue Cidade de Barcelos. Permanecerá alí ata o próximo 6 de agosto.