21/xul/2017

A directora de Turismo sinala os paralelismos entre os camiños de Santiago e de Shikoku que poden apreciarse nunha nova exposición

  • Nava Castro inaugurou hoxe a mostra sobre esta ruta xaponesa organizada polo Consello para a Inscrición do Camiño de Shikoku como ben Patrimonio Mundial
  • Ata o 24 de setembro, o Museo das Peregrinacións e de Santiago reúne obxectos históricos e imaxes actuais que falan da historia e a espiritualidade da mesma
  • A exposición é un paso máis do convenio de colaboración asinado hai dous anos e que permitiu a Galicia desenvolver accións promocionais e culturais en Xapón

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou hoxe a exposición O Camiño Shikoku no Museo das Peregrinacións e de Santiago. A mostra é unha viaxe pola historia e a espiritualidade desta ruta xaponesa, que ao longo de 1400 quilómetros está asociada a 88 templos das prefecturas de Tokushima, Kochi, Ehime e Kagawa, e reúne pezas históricas e imaxes da peregrinación na actualidade.

A exposición, organizada polo Consello para a Inscrición do Camiño de Shikoku como ben Patrimonio Mundial da Unesco e as prefecturas, permite coñecer, entre outros obxectos, a primeira guía do Camiño Shikoku, publicada a finais do século XVII por un asceta de Osaka. Os visitantes atoparán tamén o documento que proba a visita dos peregrinos a cada un dos templos, elementos que teñen certos paralelismos cos existentes no Camiño de Santiago.

“Este achegamento do Camiño de Shikoku a Galicia é un paso máis dentro do convenio de colaboración que ambas rutas asinamos hai dous anos”, declarou Nava Castro, quen puxo en valor que neste tempo os contactos entre Xapón e Galicia non deixaron de medrar, o que permitiu a organización de iniciativas en beneficio de ambos territorios, como as diferentes accións promocionais e culturais do Camiño de Santiago desenvolvidas en Xapón.

Ata o próximo 24 de setembro, O Camiño de Shikoku afondará nas peculiaridades desta ruta que desde a súa orixe estivo vinculada á figura de Kobo Daishi, un sacerdote budista máis coñecido como Kukai. Tradicionalmente, o Camiño de Shikoku foi un xeito de adestramento espiritual para ascetas e monxes budistas que viaxaban por el meditando e orando.

Máximo de peregrinos xaponeses

Na súa intervención, Nava Castro subliñou que cada vez son máis os peregrinos xaponeses que rematan a Ruta Xacobea. En concreto, lembrou que hai unha década o número dos que o percorrían era lixeiramente superior aos 300 e que en 2016 acadou o seu máximo histórico con preto de 1500. De feito, este interese crecente levou a Xapón a entrar por primeira vez dentro das 20 nacionalidades máis presentes no Camiño de Santiago. “Alégranos que sexa así e mesmo gustaríanos que esa cifra continúe medrando”, afirmou a directora de Turismo.

Dentro do programa da viaxe da delegación xaponesa incluíuse tamén un percorrido por un tramo do Camiño Portugués e a visita a un dos albergues xestionados polo Xacobeo.